Os boletíns da Consellería de Sanidade rexistran ata sete superacións do límite legal de E. coli no punto de control de O Val no que vai de 2026, a peor tempada desde que existen datos comparables. O tramo afectado forma parte da Zona de Especial Conservación (ZEC) Río Tea, dentro da Rede Natura 2000.
Coas temperaturas rexistradas este verán, numerosas persoas continúan bañándose nas praias fluviais do río Tea ao seu paso por Mondariz e Mondariz-Balneario.
Nas visitas realizadas aos puntos de baño habituais entre agosto e setembro, esta parte só localizou un cartel oficial de advertencia sanitaria en toda a zona, situado xunto ao aparcadoiro de O Val, afastado da beira onde realmente se produce o baño, e compartindo taboleiro con anuncios alleos —unha exposición de pintura, un programa de actividades para maiores—. Na mesma contorna hai carteis de maior tamaño que identifican a zona como “praia sen fume”, unha sinalización de carácter recreativo que orienta a quen visita o lugar a percibilo como unha praia convencional, sen que apareza xunto a ela ningunha referencia visible ao estado da auga. Todo iso malia que os boletíns oficiais de control microbiolóxico —publicados polo Servizo Galego de Saúde dentro da campaña de vixilancia de zonas de baño, activa entre o 1 de xuño e o 30 de setembro— rexistraron varios episodios de contaminación por riba do límite legal nas últimas semanas.
Segundo eses datos, a estación de control de O Val superou en 2026 ata sete veces o límite legal de Escherichia coli (900 NMP/100 ml) e dúas veces o de Enterococos intestinais (330 NMP/100 ml), coa cualificación oficial de “contaminación microbiolóxica, recoméndase non bañarse” en varias datas de xuño e setembro. O 8 de setembro, ambos os parámetros alcanzaron simultaneamente o valor máximo que pode informar o laboratorio, a lectura máis alta rexistrada desde que existen datos comparables (2020).
O tramo afectado forma parte da Zona de Especial Conservación (ZEC) Río Tea, declarada dentro da Rede Natura 2000 polo seu valor ecolóxico e por albergar unha das últimas poboacións de salmón atlántico de Galicia, o que en teoría esixe ás administracións implicadas un nivel de protección reforzado fronte ás verteduras, conforme á Directiva Hábitats e ao Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (Decreto 37/2014).
Un veciño da zona, usuario habitual do río, documentou nas últimas semanas tres puntos con indicios de vertedura en distintos tramos do leito.
Na mesma contorna localizouse unha arqueta que presentaba signos de ter rebordado, xerando un regueiro visible cara ao leito do río.
Ese mesmo día, seguindo a senda fluvial en dirección a unha antiga ponte de pedra e continuando uns 150 metros pegado ao leito, localizouse un segundo punto, no lugar coñecido como Sendeiro do Río Aboal, tamén no termo municipal de Mondariz segundo puido constatar esta parte: unha arqueta con saída a un regato próximo, cuxas augas presentaban turbidez e un forte cheiro no momento da observación. Segundo puido constatar esta parte sobre o terreo, ese regato desemboca augas abaixo no propio río Tea.
Días antes, noutro punto distinto do río, fotografouse un tubo con saída directa ao leito principal, procedente dunha instalación cuxa titularidade non puido ser identificada por esta parte.
A serie histórica de datos oficiais de Sanidade, que se remonta a 2020, mostra episodios de superación dos límites legais tamén en 2020, 2021 e 2023, o que apunta a un problema de saneamento que non é novo. Os episodios de contaminación continúan rexistrándose en 2026, segundo reflicten os datos oficiais da presente tempada, mentres a Xunta de Galicia mantiña recentemente contactos co Concello para analizar o desenvolvemento de novo solo empresarial no municipio.
A captación de nova actividade económica formula, porén, unha pregunta pendente: se o sistema de saneamento xa resulta insuficiente coa poboación actual, segundo reflicten os datos de 2020 a 2026, calquera crecemento adicional podería agravar o problema mentres non se resolva antes o tratamento das verteduras.
Existen mecanismos específicos de financiamento para este tipo de infraestruturas, como o programa +AQUA da Deputación de Pontevedra ou as liñas de Augas de Galicia para depuración de augas residuais. Non lle consta a esta parte que ningunha das dúas administracións fose requirida ata a data para intervir na situación do Tea ao seu paso por Mondariz e Mondariz-Balneario. Tampouco lle consta a esta parte que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, competente na protección da Zona de Especial Conservación Río Tea e das súas poboacións de salmón atlántico, activase medidas específicas de protección do hábitat malia os episodios de contaminación rexistrados oficialmente entre xuño e setembro de 2026.






Este informe foi realizado integramente por Fdo.: P. García, membro da Asociación Sur da Dorsal Galega e enviado a SI RADIO como colaboración documentada

