HomeNewsActualidadeO Programa Integrado de Emprego (PIE) do Porriño conclúe con máis dun...

O Programa Integrado de Emprego (PIE) do Porriño conclúe con máis dun 55% de inserción

O Concello do Porriño clausurou con excelentes resultados unha nova edición do Programa Integrado de Emprego (PIE), unha iniciativa orientada á mellora da empregabilidade e á inserción laboral no municipio.

O programa contou coa participación de 120 persoas, das cales 66 xa se atopan traballando e outras aínda cursando algunha das formacións, ou agardando por entrevistas de traballo, así que se agarda que esta cifra continúe crecendo. Este logro supera amplamente os obxectivos de inserción fixados pola Xunta de Galicia, reafirmando a eficacia das políticas activas de emprego impulsadas polo concello en colaboración coa administración autonómica.

Ademais, malia clausura oficial do programa, o alumnado contará proximamente cun curso adicional de manexo de carretillas elevadoras e un obradoiro de busca activa de emprego impulsado con Intelixencia Artificial.

O PIE, financiado conxuntamente pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia (80 %) e o Concello do Porriño (20 %), contou cun investimento total de 275.000 euros. Ao longo dos seus 12 meses de duración, as persoas participantes beneficiáronse de itinerarios personalizados que combinaron orientación individualizada, técnicas de coaching, intelixencia emocional, obradoiros sociolaborais e prospección empresarial.

O alcalde, Alejandro Lorenzo asegura que “o Concello seguirá traballando para formar as persoas que o precisan”, engadindo que “somos un concello industrial, un concello que xera emprego e tamén un concello de emprendedores e emprendedoras” 

Xunto a delegada da Xunta, Ana Ortiz, que destacou a importancia deste tipo de formacións, o alcalde fixo entrega dos seus diplomas as persoas que participaron neste programa. Xunto a eles, o xefe territorial de Emprego en Pontevedra, José Antonio Rodríguez Fachado e a concelleira de Emprego, Teresa Veloso, que agradeceu a todas as persoas implicadas nestas formacións dende o equipo técnico ata os propios alumnos e alumnas.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS