O Porriño viviu este domingo unha das súas xornadas máis agardadas coa celebración da XXXIII Festa dos Callos, organizada por Ahospor en colaboración co Concello do Porriño. Dende o mediodía, a hostalaría local volveu ser a gran protagonista, ofrecendo a veciños e visitantes este prato emblemático con receitas únicas que volveron encher os locais da vila.
A xornada comezou ben cedo pola mañá, ás 9:00 h, coa saída da xa habitual Ruta Ciclista do Día do Ciclismo dende a Praza Arquitecto Antonio Palacios. A música non tardou en tomar o relevo coas sesións de DJs nas distintas prazas entre as 11:00 e as 15:00 h, creando o ambiente perfecto para gozar da cita gastronómica.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou o gran compromiso do sector hostaleiro e o excelente comportamento da veciñanza: “A Festa dos Callos é moito máis ca unha cita no calendario: é o gran punto de encontro do Porriño, onde se xunta a nosa gastronomía, a nosa xente e a nosa hospitalidade. Quero felicitar a Ahospor e a todos os establecementos polo seu enorme traballo para que hoxe sexa, un ano máis, un día inesquecible”.
A cita contou coa participación de 33 locáis de hostalaría, que se sumaron á iniciativa.

