Mondariz prepárase para vivir este sábado, 3 de outubro, unha xornada marcada pola velocidade, o deporte e a emoción coa celebración do Gran Premio de Carrilanas Mondariz, unha proba que reunirá participantes e afeccionados nunha cita xa destacada no calendario deportivo da comarca.
O evento foi presentado polo alcalde de Mondariz, Pablo Barcia, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández López, así como representantes do goberno municipal de Mondariz e da organización, que puxeron en valor a “importancia desta competición” e a súa capacidade para atraer público e dinamizar a localidade.
O Gran Premio de Carrilanas Mondariz será, ademais, unha proba puntuable para a Copa de España, a Copa de Galicia e o Campionato Condado Paradanta, polo que contará coa participación de deportistas que competirán por sumar puntos nas diferentes clasificacións.
A competición desenvolverase sobre un circuíto de aproximadamente 3 quilómetros de lonxitude, cun trazado deseñado para poñer a proba a habilidade e a destreza dos participantes. O percorrido contará con catro zonas de baixada, sobre un asfalto en perfectas condicións que permitirán aos pilotos sacar o máximo partido ás súas carrilanas.
A cita combinará así o carácter deportivo da competición coa tradición e o espectáculo propio das carrilanas, nunha xornada pensada tanto para os participantes como para o público que se achegue a Mondariz para gozar da proba.
Desde a organización e o Concello de Mondariz animan á veciñanza e ás persoas afeccionadas ao motor e ao deporte a achegarse este sábado para vivir en directo unha xornada de velocidade e emoción.

