O alcalde da Caniza, Luis Piña, vén de manter unha reunión na Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra co seu respomsable, César Areas, na que se abordaron tres cuestións prioritarias para as infraestruturas e os servizos educativos do municipio.
- O encontro rematou “cunha boa disposición por parte das dúas administracións” e co “compromiso de traballar conxuntamente para avanzar na procura de solucións, asumindo cada administración as actuacións que lle correspondan” segundo informan dende o Concello da Caniza.
- O primeiro dos asuntos abordados foi a situación da cuberta do pavillón do CPI da Caniza. Durante a reunión, ambas partes coincidiron na necesidade de acometer a construción dunha nova cuberta, unha actuación que permita resolver definitivamente a situación actual e recuperar a instalación para o seu uso educativo con todas as garantías.
- Para avanzar neste obxectivo, a Consellería desenvolverá un estudo xurídico e técnico que permita determinar as actuacións necesarias, mentres que o Concello realizará tamén os estudos correspondentes desde o ámbito das súas competencias.
- O obxectivo marcado é que a instalación poida estar dispoñible con teito novo no curso 2027/2028.
- Mentres se desenvolven estes traballos e se procura unha solución definitiva, o Concello reitera o seu “compromiso de poñer á disposición do centro educativo o Pavillón Municipal Carballo do Marco en horario de mañá”, tal e como xa se ofrecera anteriormente, co fin de facilitar a continuidade das actividades lectivas que precisen deste espazo.
- O segundo dos asuntos tratados foi o futuro do CEIP de Touzosas-Valeixe. Tanto o alcalde como o Xefe Territorial coincidiron na necesidade de “potenciar o centro” co obxectivo de estabilizalo, consolidalo e garantir a súa continuidade nos próximos anos.
- Neste sentido, unha das primeiras medidas a abordar será a ampliación da súa área de influencia a todo o termo municipal, de maneira que o alumnado non quede unicamente vinculado ás zonas de Valeixe e Luneda. Esta cuestión deberá contar tamén cos informes correspondentes das direccións dos centros educativos implicados e da Inspección Educativa. A documentación municipal xa recollía a petición de ampliar a área de influencia do centro a todo o municipio.
- O propósito é que esta nova configuración poida estar operativa no curso 2027/2028, o que permitiría, entre outras cuestións, estudar a incorporación dunha parada de transporte escolar no núcleo urbano de A Caniza con destino ao CEIP de Touzosas-Valeixe, modificando o actual percorrido, que parte de Sibei.
- O rexedor e o Xefe Territorial coincidiron en que esta medida debe entenderse dentro dun obxectivo máis amplo: favorecer o asentamento da poboación no territorio e garantir a continuidade dun servizo educativo de proximidade no ámbito rural. Por este motivo, comprometéronse a traballar para consolidar, potenciar e estabilizar o centro.
- O terceiro asunto abordado foi a situación da cuberta do Centro de ESO da Caniza, que presenta deficiencias e está composta por materiais de uralita que conteñen amianto. A documentación municipal xa sinalaba a necesidade de acometer a súa substitución mediante unha actuación específica sobre a cuberta.
- Neste caso, o Concello remitirá á Xefatura Territorial un informe técnico e fotográfico que permita valorar o estado actual da instalación e concretar as necesidades de intervención.
- Pola súa parte, o xefe territorial trasladou a disposición da Consellería a poñerse a traballar na reposición da cuberta e na súa substitución, avanzando así cara a unha solución integral para o edificio.

