HomeConcellos +A CanizaA Caniza presenta o XV Desfile de Moda do Curso de Deseño...

A Caniza presenta o XV Desfile de Moda do Curso de Deseño e Patronaxe de Cristóbal Vidal

O Concello da Caniza vén de presentar o XV Desfile de Moda do Curso de Deseño e Patronaxe de Cristóbal Vidal, unha cita xa consolidada na programación cultural do municipio que se celebrará o vindeiro sábado 26 de setembro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura.

Na presentación, participaron o alcalde Luis Piña e o deseñador Cristóbal Vidal, responsable dos obradoiros de Deseño, Patronaxe e Costura que se desenvolven nas instalacións da Casa da Cultura, acompañado de Mariana Venditti, profesora adxunta da rama textil destes cursos.

Durante o encontro déronse a coñecer os detalles desta nova edición, que reunirá sobre a pasarela as creacións realizadas polas alumnas e alumnos do Curso 2025/2026 e a nova colección de Cristóbal Vidal para a tempada Outono-Inverno 2026/27.

O desfile permitirá ao público coñecer o traballo creativo máis recente do deseñador, estreitamente vinculado ao municipio, onde desenvolve tanto a súa actividade profesional como o seu labor docente.

Cristóbal Vidal

Cristóbal Vidal, nado en Vigo, pero afincado na Caniza, formouse na Escola de Artes e Técnicas da Moda de Barcelona e completou posteriormente a súa formación cunha estadía Erasmus na Winchester School of Arts da Universidade de Southampton. A súa traxectoria comezou a destacar coa obtención, en 1997 e 2001, do certame Tesoira para novos deseñadores, organizado pola Xunta de Galicia, premios que impulsaron os seus primeiros pasos profesionais.

Posteriormente desenvolveu unha ampla traxectoria no ámbito da moda e participou durante varias tempadas na Pasarela Gaudí de Barcelona, onde presentou as súas coleccións e chegou a protagonizar un desfile propio en 2004.

Ao longo da súa carreira tamén traballou e colaborou con diferentes firmas do sector, entre elas Adolfo Domínguez, ao tempo que desenvolvía as súas propias coleccións.

A súa proposta creativa caracterízase especialmente pola investigación da xastraría e do patronaxe, a revisión dos códigos tradicionais da indumentaria masculina e a experimentación coas estruturas e volumes das pezas. A saia masculina converteuse nun dos elementos máis recoñecibles da súa traxectoria. A esta investigación súmanse as referencias á historia da indumentaria, á deconstrución e á artesanía, procurando trasladar aos seus deseños elementos culturais e históricos desde unha perspectiva contemporánea.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS