A Asociación de Veciños de Chan do Bosque organiza este fin de semana a Festa da Paella, que se desenvolverá con diferentes propostas gastronómicas, musicais e culturais.
O programa dará comezo este sábado 19 de setembro, ás 21.00 horas, no Local Veciñal de Chan do Bosque, cunha festa da paella e un concurso de tortillas. A xornada contará tamén coas actuacións musicais do Grupo Tangaraño e do Grupo Amieiro e contará tamén coa actuación de Antonio Barros & Ialma. Durante a noite tamén se realizarán sorteos de agasallos e unha subasta de plantas.
A programación continuará o domingo, 20 de setembro. Ás 12.30 horas, o Grupo Amieiro na contorna da capela da Virxe das Angustias. Ás 13.00 horas celebrarase unha misa cantada pola Coral Asomamos, tamén na capela. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, o Local Veciñal de Chan do Bosque acollerá a representación de “Non me movas os marcos”, un espectáculo de monólogos a cargo do Grupo de Teatro Mulleres en Igualdade de Mos.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destaca a importancia de “seguir apoiando as iniciativas das asociacións veciñais, que contribúen a dinamizar a vida social das parroquias e ofrecen espazos de encontro para os veciños e veciñas”.

