HomeNewsActualidadeO bonito centra as segundas Xornadas Gastronómicas no Mercado de San Antonio

O bonito centra as segundas Xornadas Gastronómicas no Mercado de San Antonio

Tras o éxito das primeiras Xornadas Gastronómicas “Saborea o Mercado de San Antonio” dedicadas ao mexillón celebradas o pasado mes de agosto, o próximo sábado, 26 de setembro, terá lugar a segunda edición deste evento no que o protagonista será o bonito

Dende ás 11:00 horas, poderá degustarse este produto en tres elaboracións realizadas polo restaurante Al Dente que colabora nesta iniciativa do Concello de Tui. Os pratos serán: Empanada de Bonito, Bonito á prancha sobre crema de pataca, cebola e pimentón, e Tartar de Bonito. Cada ración terá un prezo de 6€. 

Segundo traslada o Concello de Tui, o obxectivo é “apostar pola gastronomía e o produto local no Mercado de San Antonio, que recentemente vén de acadar o recoñecemento de Mercado Excelente”. A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, destaca como “esta é unha excelente oportunidade para achegarse ao Mercado de San Antonio, gozar da nosa gastronomía e coñecer todo o que nos ofrecen os praceiros e praceiras nos seus postos”. Engade que se trata “dunha proposta tanto para as persoas que habitualmente realizan as súas compras na praza, como tamén unha excelente ocasión para achegarse a coñecer o Mercado, e tamén unha actividade dirixida a todas as persoas que estes días visitan Tui, tendo en conta que a gastronomía é tamén un gran atractivo turístico que se suma ao patrimonio histórico e cultural con que conta a cidade”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS