A Biblioteca Pública Municipal María Magdalena de Mos acolleu este xoves a presentación de A liberdade que me habita, a nova novela da escritora, xornalista e docente galega Beatriz Cabaleiro, nun encontro organizado polo Concello de Mos dentro da súa programación cultural.
Durante a presentación, na que a autora estivo acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e polo editor César Lorenzo, a autora deu a coñecer unha obra dirixida especialmente ao público xuvenil a partir de 14 anos e publicada por Aira Editorial, na que aborda cuestións como a identidade, as raíces, a diversidade cultural, a integración, a pertenza e a liberdade persoal.
A protagonista da novela é Zahira, unha moza de orixe marroquí que vive en Galicia e que persegue o soño de converterse na primeira triatleta que represente a Marrocos nuns Xogos Olímpicos. A súa historia vai, con todo, máis alá da práctica deportiva. Zahira enfróntase tamén ao proceso de descubrir quen é e cal é o seu lugar no mundo, entre as súas raíces familiares e o contexto no que medrou.
O deporte convértese así nun dos fíos condutores dunha historia de superación e de procura da propia identidade, na que a protagonista debe tomar as súas propias decisións e construír o seu futuro sen renunciar ás diferentes partes que forman a súa identidade.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou durante o encontro a vinculación da autora co municipio e a oportunidade de contar novamente coa súa presenza na biblioteca municipal.
“Para Mos é unha satisfacción volver contar con Beatriz Cabaleiro na nosa biblioteca. É unha autora próxima, vinculada ao noso territorio e cunha obra que nos permite achegar a literatura á mocidade e falar de valores como a liberdade, o respecto e a diversidade”, sinalou a rexedora.

