O pan do Porriño continúa colleitando premios. Unha vez máis, dúas panadarías do Porriño, Amaquía e Argibay, veñen de conseguir as súas estrelas e a situarse no TOP 50 de panadeiros de España.
“Este valor”, subliñan dende o goberlo local “pon en valor o traballo artesán, a calidade dos ingredientes e o respecto polos procesos tradicionais de elaboración lenta que caracterizan o pan da vila”.
“Se falamos de pan falamos do Porriño”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, ao felicitar aos responsables de ambas panadarías, orgulloso de que o nome da vila siga colleitando éxitos.
“O segredo é o cariño, que se traduce en tempo de fermentación” aseguran os panadeiros. Luis Miguel Iglesias Lago, o responsable de Amaquía, confesa que un dos seus segredos son “as fermentacións longas, que teña un pouquiño máis de conservación no tempo, que se pareza ao pan de antes: con codia, pezas grandes … Iso foi o que nos fixo medrar ata agora mesmo”. Do mesmo xeito Claudio Rodríguez Argibay, de Argibay explícanos que “o noso pan caracterízase por ter un bo sabor, unha boa conservación e unha boa corteza. É un pan tradicional que se fai con recetas e fariñas antigas. É un pan humilde, sinxelo, pero moi sabroso.”
Do mesmo xeito, Montse Fernández Costas, copropietaria de Amaquía, apunta que o premio é un espaldarazo, “faite seguir, dache un pouquiño máis de ilusión para poder seguir no día a día, aínda que non deixa de ser unha responsabilidade”. No caso de Claudio, quédase coa experiencia, e asegura que “é unha oportunidade para compartir experiencias cos outros panadeiros e para seguir esforzándose un poquiño máis todos os días. Ao final, os premios son para iso: para recoñecer un pouco o traballo diario.”

