HomeNewsActualidadeA provincia de Pontevedra salda o verán con 11.000 identificacións e 5.000...

A provincia de Pontevedra salda o verán con 11.000 identificacións e 5.000 controis de vehículos

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, vñen de facer balance da Operación Verán desenvolvida pola Policía Nacional e a Garda Civil na provincia durante os meses de xullo e agosto. O dispositivo do Ministerio do Interior, dirixido a reforzar a prevención e a seguridade cidadá coincidindo co período de maior afluencia turística, pechouse cuns “resultados espectaculares” na provincia, en palabras de Losada.

Durante estes dous meses, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado desenvolveron miles de actuacións preventivas en toda a provincia, entre elas 4.951 controis de vehículos e puntos de verificación e 11.398 identificacións de persoas.

Losada destacou precisamente a importancia desta actividade preventiva. “É moi difícil cuantificar cantos delitos se evitan grazas a estes dispositivos, pero podemos presumir que son moitos, xa que anticiparse á súa comisión é unha parte esencial do traballo das Forzas e Corpos de Seguridade”, sinalou.

O subdelegado incidiu tamén na importancia da seguridade percibida, especialmente durante os meses de verán, cando aumenta considerablemente a presenza de visitantes e a concentración de persoas en determinados puntos da provincia. “A presenza policial contribúe non só a facer de Pontevedra unha provincia máis segura, senón tamén a que a cidadanía e as persoas que nos visitan se sintan seguras”, afirmou

O dispositivo incluíu ademais 152 actuacións de apoio ao sector turístico e a participación dos corpos estatais en 39 xuntas locais e reunións de seguridade, destinadas a coordinar os operativos e reforzar a seguridade en diversos concellos da provincia, por mor da celebración de eventos, festas e da presión turística propia destes meses.

No ámbito da prevención e control, Policía Nacional e Garda Civil contabilizaron 751 actas e infraccións relacionadas con drogas na vía pública e 107 relacionadas con armas. A estas actuacións súmanse 37 actas e infraccións por consumo de drogas en establecementos e unha relacionada co alcohol e menores.

A Operación Verán tivo tamén unha importante vertente asistencial, con 727 servizos humanitarios e auxilios realizados polos dous corpos durante xullo e agosto.

Nas demarcacións da Policía Nacional, a maior actividade rexistrouse en Vigo-Redondela, con 948 controis de vehículos, 7.642 identificacións de persoas, 336 actas relacionadas con drogas na vía pública, 69 por armas e 394 servizos humanitarios e auxilios. Nesta demarcación contabilizáronse tamén 11 actas por consumo de drogas en establecementos públicos e realizáronse 126 actuacións de apoio ao sector turístico.

Na cidade de Pontevedra, a Policía Nacional realizou 57 controis de vehículos e 1.331 identificacións, levantou 13 actas por drogas e 11 por armas e desenvolveu 50 servizos humanitarios e auxilios. Os axentes levaron a cabo, así mesmo, 13 actuacións de apoio ao sector turístico.

Pola súa banda, na demarcación de Vilagarcía de Arousa contabilizáronse 31 controis de vehículos, 561 identificacións, 47 actas por drogas e unha por armas —todas elas na vía pública— e 12 servizos humanitarios e auxilios. En Marín realizáronse 70 controis, 538 identificacións, 17 actas por drogas e cinco por armas na vía pública e 29 servizos humanitarios e auxilios.

No territorio competencia da Garda Civil, que abrangue o ámbito rural e o resto dos municipios da provincia sen comisaría da Policía Nacional, desenvolvéronse 3.845 controis e puntos de verificación de vehículos e 1.326 identificacións de persoas. Rexistráronse tamén 338 infraccións relacionadas con drogas na vía pública, 21 por armas e 26 por consumo de drogas en establecementos, así como 242 servizos humanitarios e auxilios. Os axentes da Garda Civil levaron a cabo, ademais, 13 actuacións de apoio ao sector turístico. 

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS