HomeNewsActualidadeCovelo entrega as axendas escolares contra a violencia de xénero ao alumnado...

Covelo entrega as axendas escolares contra a violencia de xénero ao alumnado do colexio

O Concello de Covelo vén de facer entrega das axendas escolares do curso 2026/2027 ao alumnado do CEIP Antonio Blanco Rodríguez, co obxectivo de dar continuidade ao Proxecto de Sensibilización e Prevención en Violencia de Xénero «10 meses, 10 propósitos», desenvolveuse nos últimos cursos en colaboración coa comunidade educativa.

Esta iniciativa ten como obxectivo achegar a igualdade, o respecto, a convivencia e a prevención da violencia de xénero á vida cotiá das crianzas, utilizando unha ferramenta de uso diario como é a axenda escolar. A través dela, cada mes do curso propón un propósito, unha aprendizaxe ou unha reflexión que permita traballar estes valores tanto nas aulas como no ámbito familiar.

O proxecto parte da idea de que os materiais utilizados habitualmente polo alumnado poden converterse tamén en instrumentos de sensibilización, permitindo que as mensaxes de igualdade saian do centro educativo e cheguen ás familias, favorecendo a reflexión compartida sobre comportamentos, actitudes e valores relacionados coa convivencia.

Durante o curso 2025/2026, o alumnado de 6º de Educación Primaria participou de maneira activa no desenvolvemento do proxecto, traballando sobre os contidos e os propósitos incluídos na axenda e compartindo posteriormente estas aprendizaxes cos cursos inferiores. Deste xeito, o alumnado de 6º converteuse en axente de sensibilización dentro do propio centro, contribuíndo a transmitir mensaxes relacionadas coa igualdade, o respecto mutuo, a resolución pacífica dos conflitos e o rexeitamento de calquera forma de violencia ou discriminación.

As axendas escolares, destinadas a todo o alumnado do CEIP Antonio Blanco Rodríguez, constitúen así un recurso educativo que acompaña os nenos e nenas ao longo de todo o curso escolar e que permite traballar a prevención da violencia de xénero desde idades temperás.

Desde o Concello de Covelo consideran “fundamental continuar impulsando este tipo de accións no ámbito educativo, xa que a prevención da violencia de xénero debe comezar na infancia, mediante a educación en igualdade e a creación de contornas seguras, inclusivas e respectuosas”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS