HomeNewsActualidadeIncrementan as solicitudes de licenzas urbanísticas e a apertura de novos negocios...

Incrementan as solicitudes de licenzas urbanísticas e a apertura de novos negocios no Porriño

O Concello do Porriño consolídase como un dos municipios de referencia na contorna polo seu crecemento e capacidade de atracción de investimento. Segundo os datos xestionados polo departamento municipal de Urbanismo, o volume de expedientes tramitados segue a reflectir unha evolución positiva tanto no ámbito da vivenda como no do emprendemento local.

No referente ao desenvolvemento urbano, no que vai de ano tramitáronse xa 52 solicitudes de licenza de obra maior, unha cifra que supera as 50 rexistradas no conxunto do exercicio 2025. Dentro deste apartado destaca de xeito especial a formulación de 14 proxectos para a construción de novas vivendas unifamiliares, un indicador que constata a crecente demanda residencial no municipio.

A este desenvolvemento no sector da vivenda súmase o impulso da actividade económica local. En canto ás comunicacións e licenzas de actividade, o Concello xa concedeu un total de 34 novas licenzas para o inicio de negocios, mellorando os rexistros do ano anterior.

A diversidade das actividades autorizadas pon de manifesto a “versatilidade e a fortaleza” do tecido comercial e empresarial porriñés. Entre as novas altas figuran servizos de hostalaría e aloxamento turístico (cafeterías, restaurantes, albergues, hostais e vivendas de uso turístico), centros vinculados á saúde e ao benestar (ioga, pilates, fisioterapia e estética), xunto con equipamentos comerciais, industriais e de servizos tales como unha oficina bancaria, unha empresa de serigrafía, instalacións de almacenaxe e distribución, proxectos de ampliación no sector da automoción e iniciativas no ámbito agrícola, como a instalación dun invernadoiro.

Ante estes datos, o alcalde puxo en valor o traballo desenvolvido e a atracción que exerce o municipio, sinalando que O Porriño se reafirma como “o mellor pobo para emprender, traballar e vivir”. O rexedor destacou ademais que a vila mantén a súa esencia como un pobo emprendedor, “capaz de captar novos investimentos, xerar oportunidades e absorber un crecemento poboacional constante e sostible”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS