HomeNewsActualidadeO PP elixe ao deputado Víctor Baladrón como candidato á Alcaldía de...

O PP elixe ao deputado Víctor Baladrón como candidato á Alcaldía de Verín para superar a súa crise interna

A xestora local propón por unanimidade ao parlamentario autonómico para encabezar a lista nas eleccións de maio, nun momento no que a formación carece de representación municipal trala dimisión dos seus catro concelleiros

O Partido Popular xa ten definida a súa estratexia en Verín para deixar atrás a crise aberta despois de que os catro ediles que representaban á formación na corporación local presentasen a súa dimisión, deixando temporalmente ao partido sen representación no concello ourensán ata a toma de posesión dos novos concelleiros. A xestora local do partido acordou propor por unanimidade ao deputado autonómico Víctor Manuel Baladrón Lamas como candidato á Alcaldía de cara ás eleccións municipais que se celebrarán en maio do vindeiro ano.

Nacido en Verín en 1980 e técnico superior en Integración Social e en Actividades Físicas e Deportivas, Baladrón accedeu ao Parlamento de Galicia trala cita electoral de 2024, compaxinando ata entón a súa actividade laboral nun centro de protección de discapacitados psíquicos da comarca. A súa traxectoria política local abrangue un longo período como concelleiro de Deportes, Xuventude e Festexos entre 2007 e 2015 baixo a alcaldía de Juan Manuel Jiménez Morán, manténdose posteriormente na oposición municipal ata o ano 2023.

Un novo proxecto avalado pola dirección provincial e autonómica

Durante a xuntanza da xestora local, o candidato agradeceu a confianza depositada nel e asegurou que asume este reto co propósito de «traballar por e para Verín, percorrer cada recuncho da vila e das parroquias e, o máis importante, facelo en equipo». A proposta da gestora conta xa co respaldo explícito da dirección provincial encabezada por Luis Menor e tamén da executiva autonómica liderada por Alfonso Rueda, pendente agora da ratificación definitiva por parte dos órganos superiores do partido.

Pola súa banda, a presidenta da xestora local, Luisa Valladares, sinalou que esta designación suporá un punto de inflexión para a formación política na localidade de 13.956 habitantes. «É momento de centrar todos os nosos esforzos neste proxecto, algo que xa vimos facendo neste tempo atrás, pero agora, se cabe, con máis forza para seguir avanzando por recuperar o esplendor que Verín merece», apuntou Valladares, quen tamén remarcou a intención de continuar escoitando á veciñanza, fiscalizando ao goberno local e presentando alternativas para aquelas áreas que non funcionan.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS