Os concellos de Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas veñen de obter a subvención da Xunta de Galicia do programa Corresponsables, cofinanciado polo Ministerio de Igualdade do Goberno de España.
A Consellería de Igualdade concedeu o 100% do importe solicitado a ambos concellos, que acadaron unha das máximas puntuacións de Galicia; sendo superados tan só por un concello, unha comarca e unha mancomunidade no proceso de valoración.
Grazas a esta axuda, cun importe total de 37.266,50 euros, ambos concellos desenvolven dende o 1 de xullo tres liñas de actuación dirixidas a mellorar a conciliación da vida familiar e laboral e a promover a igualdade real entre homes e mulleres.
Como novidade deste ano, os municipios presentan “Sensibilizar para Protexer” onde ambos concellos poñen en marcha un proxecto de accións culturais de sensibilización nas parroquias e no centro das vilas, achegando a cultura ao rural.
A maiores, ofertáronse servizos de conciliación nos meses de verán ofrecendo máis de 200 prazas para nenos e nenas de ambos concellos na II edición do programa “Acompañámoste: conciliación con corazón”. Estes campamentos urbanos municipais para infancia entre os 3 e os 16 anos cumpliron o obxectivo principal: “garantir un servizo de coidado profesional durante a época estival, facilitando a conciliación familiar no período vacacional de verán mentres a infancia e xuventude aprende e goza”.
A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira asegura que “apostar por aumentar e mellorar os servizos ás familias é fundamental para que os nosos concellos medren en valores, seguridade e igualdade. Fomentar a conciliación familiar e dinamizar a economía local son tamén aspectos claves para o bo desenvolvemento da sociaedade”.
Por outra banda, a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcarcel, afirmou que “este tipo de programas son fundamentais para seguir avanzando nunha conciliación real e efectiva, ofrecendo ás familias recursos gratuítos e de calidade que facilitan o día a día. Ademais, iniciativas como a Escola de Familias e as accións de sensibilización contribúen a construír unha sociedade máis igualitaria, corresponsable e comprometida co benestar da infancia e da adolescencia”.
Escola de Familias
Co peche de agosto rematan os campamentos e chega o momento da formación coa III edición da Escola de Familias donde se desenvolverán accións formativas dirixidas a pais, nais, titores legais e calquera persoa interesada nos coidados na infancia e na adolescencia.
As temáticas a tratar inclúen a comunicación familiar, o uso responsable das pantallas e as novas tecnoloxías, a sexualidade, o peso da carga mental nos fogares, a corresponsabilidade, as masculinidades igualitarias e os usos e coidados do tempo. Comezan o próximo 25 de setembro en Salceda de Caselas e continuan o 2 de outubro en Salvaterra de Miño.

