A parroquia tudense de Caldelas convértese esta fin de semana en punto de encontro para a música folk de Galicia grazas a celebración do VI Rocha Folk. Este evento, organizado pola Asociación Cultural A Insua, forma parte da programación cultural do verán do Concello de Tui.
A apertura do festival terá lugar este venres 21 ás 20:00h, no exterior do Balneario de Caldelas coa recepción de autoridades e inauguración do evento, para dar paso a continuación ao grupo Donicelas. Este ano esta agrupación formada por Andrea Rodríguez, Bea Pérez, Noelia Martínez, Rosa González, Víctor González e Xesús Díaz, foi finalista dos premios Martín Codax. O grupo interpretará os temas do seu último traballo ‘Portuguesiña’ do que gravaron o videoclip precisamente neste entorno.
O Rocha Folk continuará ás 21:15 horas co desfile dende o Balneario até a ribeira das bandas de gaitas Lume de Biqueira Celtic Band e a Banda de Gaitas A Insua de Caldelas, que estarán en concerto xa no escenario principal do festival. Tras elas, ás 23:00 horas será a quenda das pandereteiras Trébede da Asociación Peis d’hos. Alana, o trío formado por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, finalistas tamén dos premios Martín Codax, interpretarán a partir das 23:30 horas os temas do seu segundo traballo discográfico “Un saber”. Para pechar a primeira noite do festival contarán coa presenza de Kike Varela con Electrofoliada.
O desfile de Lume de Biqueira Celtic Band abrirá o sábado, ás 12:30 horas, a segunda xornada do Rocha Folk. Non faltará a gastronomía coa Mexilloada na ribeira, na que con cada consumición mínima de 2,5€ recibirase unha ración de mexillóns. A tradición terá o protagonismo pola tarde con xogos populares na ribeira, e co obradoiro xoguetes e de instrumentos a cargo de Zuca Truca no recinto do festival.
Este ano coma novidade o Rocha Folk incorpora o Encontro Internacional de Bombos, ás 19:00 horas, que contará coa participación dos galegos O Trebón dos Xidos e cos portugueses Bombos de Sao Cristóvao de Gondomil. A capela do Carme será outro dos lugares onde se desenvolva o festival. Aquí actuará ás 20:15 horas o Dúo Abril formado por Claudia Abril e Marina Carpente cunha proposta de folk contemporáneo e que este ano recibiron o premio de Música Folk nos XIII Premios Martín Codax.
Tras actuar hai uns días no Festival Intercéltico de Lorient este sábado ás 22:00 horas estará en Caldelas o grupo Ailá formado por Ángela Carou, Manuele Pardo, Xan Pampín, e Manu Fraguela. No escenario principal da ribeira interpretarán, entre outros, os temas do seu terceiro traballo ‘Tradimensional’. A música continuará ás 23;30 horas coas pandereteiras da Fenteira – Lembranzas da Terra de Guillarei. E á medianoite chegará o ritmo e a música de A Banda da Balbina, para interpretar temas coma “Estomballada”, “Balbina a bailadora” ou “Que che den”.
O Rocha Folk 2026 pecharase con queimada e foliada, coma fin de dous días de festa coa música folk coma protagonista.

