HomeNewsActualidadeMos prepara os centros educativos grazas ao obradoiro de emprego "Queda en...

Mos prepara os centros educativos grazas ao obradoiro de emprego “Queda en Mos IV”

O Concello de Mos, a través da Concellería de Emprego e Educación, dirixida por Julia Loureiro Campo, continúa a súa aposta pola formación e polo servizo á cidadanía mediante o desenvolvemento do Obradoiro Dual de Emprego “Queda en Mos IV”, no que participan 20 alumnos e alumnas-traballadores/as nas especialidades de Desenvolvemento de Produtos Audiovisuais Multimedia Interactivos e Traballos de Carpintaría e Moble – Instalación de Elementos de Carpintaría. O programa conta cunha subvención da Xunta de Galicia por importe de 524.052 euros.

Ao longo dos nove meses de duración do obradoiro, os 10 alumnos-traballadores da especialidade de Carpintaría desenvolverán un amplo programa de actuacións orientadas á mellora, acondicionamento e posta en valor de diferentes espazos e equipamentos municipais.

Entre as intervencións previstas atópase a dotación de mobiliario e elementos de madeira nos centros educativos de Mos, unha actuación na que o alumnado está a traballar actualmente co obxectivo de que os colexios estean preparados para recibir o alumnado no inicio do novo curso escolar.

Nestes momentos, os traballos céntranse en diferentes actuacións que contribuirán a renovar e mellorar os espazos educativos, entre eles a instalación de tarima en varias aulas, o acondicionamento e mellora dos parques infantís dos centros e a creación de novos elementos de madeira para os patios, como rocódromos e casetas de madeira. Estas intervencións permitirán dotar ós colexios de novos espazos de xogo e actividade, favorecendo que os nenos e nenas poidan desfrutar de contornas máis atractivas, funcionais e adaptadas ás súas necesidades.

O desenvolvemento destas actuacións permite “aos alumnos-traballadores trasladar á práctica os coñecementos e habilidades adquiridos durante a súa formación, ao tempo que adquiren experiencia profesional en contornas reais de traballo e participan activamente en todas as fases dos diferentes proxectos” aseguran dende o goberno local.

Deste xeito, o Obradoiro de Emprego “Queda en Mos IV” combina formación, experiencia profesional e servizo á comunidade, permitindo que o traballo desenvolvido polo alumnado se traduza en melloras concretas para os espazos e equipamentos municipais e deixando a súa pegada en diferentes puntos de Mos ao longo destes nove meses.

Ao longo destes nove meses, o alumnado deixará así a súa pegada en diferentes puntos de Mos, contribuíndo coa súa formación e traballo á mellora dos servizos e espazos públicos do municipio.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS