O Concello do Porriño segue a investir na mellora da seguridade viaria, a mobilidade e a accesibilidade cun novo paquete de asfaltados en diferentes puntos do municipio, en concreto na Rúa Coruña, Cans, Atios-Rocha, Abelenda, Mosende-Costeira e San Diego. Trátase dunha intervención que acaba de saír a licitación e que suporá un investimento total de 188.407,74 euros cun prazo de execución previsto de catro meses.
O obxectivo principal destas obras é renovar o pavimento e rehabilitar os firmes en seis espazos públicos e vías do municipio que precisaban dunha posta a punto, pero tamén humanizar espazos da veciñanza. De feito, a maior actuación realizarase no Campo da Festa de Mosende-Costeira, cun investimento de 70.353,53 € onde, ademais do asfaltado, humanizarase este espazo reordenando a praza, dotándoa de zonas verdes e pavimento en formigón e granito.
Ademais, na Rúa Coruña investiranse 13.824,94 € para rozamento de marxes, fresado do firme actual, aplicación de rego de adherencia e a extensión dunha nova capa de asfalto. A intervención completarase coa posta a cota de pozos e arquetas, xunto coa renovación da sinalización viaria. Actuacións similares realizaranse no Camiño en Cans, Camiño en Atios-Rocha, Camiño en Abelenda e Campo da Festa de San Diego.
“Seguimos a mellorar as nosas zonas rurais, porque investir nos camiños é investir en seguridade”, asegura o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, puntualizando que “o noso compromiso é clave: atender as necesidades de todas as parroquias e de toda a veciñanza”.

