HomeNewsActualidadeA multinacional neerlandesa Wolters Kluwer merca a firma viguesa Marosa por 112...

A multinacional neerlandesa Wolters Kluwer merca a firma viguesa Marosa por 112 millóns de euros

A operación, a segunda maior inversión estranxeira en Galicia no que vai de ano, busca crear un líder global no sector da tecnoloxía fiscal integrando os 120 profesionais da compaña olívica

A compañía cotizada neerlandesa Wolters Kluwer adquiriu o 100% da firma viguesa Marosa por un importe de 112 millóns de euros. Tal e como reflicte o balance semestral da multinacional, formalizada o pasado 4 de agosto, o obxectivo desta compra estratéxica é crear un líder global no sector da tecnoloxía fiscal, integrando no seu grupo as capacidades da compaña especializada en automatización de facturas electrónicas e declaracións de IVA e os seus 120 traballadores.

O conselleiro delegado de Marosa, Pedro Pestana da Silva, sinalou que a empresa situada na rúa da Reconquista precisaba dun «barco máis grande» para continuar co seu crecemento, destacando ademais que a valoración recibida, superior á do mercado, responde ao ritmo de expansión acadado e á futura normativa fiscal. Pola súa banda, a compresa compradora destacou que as solucións de Marosa complementan o seu negocio actual e axudarán a acelerar o desenvolvemento dunha plataforma global de impostos indirectos, poñendo en valor a súa ampla base de clientes internacionais, entre os que figuran grandes corporacións como Amazon, Coca-Cola ou Johnson & Johnson.

Unha das maiores operacións do ano en Galicia

A venda de Marosa sitúase como a segunda maior inversión estranxeira rexistrada en Galicia no que vai de ano, por detrás tan só da adquisición da tamén viguesa ACSM por parte da italiana Prysmian o pasado mes de febreiro por 169 millóns de euros. O propio Pestana da Silva celebrou que o comprador final sexa europeo —malia o interese de firmas estadounidenses— e subliñou que a operación permitirá investir e facer medrar unha empresa nada en Vigo dende a propia cidade olívica.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS