HomeNewsActualidadeA Xunta instalará un peche provisional nos soportais da estación de autobuses...

A Xunta instalará un peche provisional nos soportais da estación de autobuses de Vigo ante a presenza de persoas sen fogar

O Executivo autonómico coordinará a actuación co Concello e a Delegación do Goberno para restrinxir o acceso á zona, mentres a administración local acusa á Xunta de «deslealdade» e de eludir as súas competencias en vivenda

A Xunta de Galicia instalará un peche provisional nos soportais da estación de autobuses de Vigo, un espazo de titularidade autonómica, co fin de restrinxir o acceso e impedir usos inadecuados na contorna. A medida foi abordada nunha xuntanza mantida este martes entre representantes autonómicos e municipais, para a cal o Goberno galego xa presentou a comunicación previa de obra no Concello e solicitou a colaboración tanto dos servizos sociais locais como da Policía Nacional.

Segundo informou a Administración autonómica, esta intervención busca mellorar as condicións de seguridade, facilitar as tarefas de limpeza e mantemento e preservar o estado de conservación do inmoble de transporte. A actuación xorde tras a presenza continuada de persoas sen fogar na zona, un asunto que xerou discrepancias entre as administracións. A Xunta lembrou ao Concello que a normativa vixente sitúa na administración local a competencia de prestar atención inmediata ás persoas en risco de exclusión social e xestionar os servizos sociais comunitarios, engadindo que o Executivo galego continuará colaborando a través do apoio a entidades sociais.

Pola súa banda, o Concello de Vigo tachou a decisión de «deslealtade». A concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, acusou a Xunta tras o encontro de pretender trasladar toda a responsabilidade ao concello e de non exercer as súas competencias en materia de vivenda. Así mesmo, Aguiar subliñou que o consistorio leva meses atendendo a estas persoas mediante recursos de emerxencia social como prazas de pernocta no albergue, comedor social, duchas e atención de emerxencia, mentres alertaba previamente da situación na infraestrutura autonómica.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS