O Concello de Mondariz invita a veciñanza e visitantes a vivir unha experiencia diferente en Gargamala o vindeiro 12 de agosto, cunha xornada que permitirá descubrir o patrimonio e a paisaxe da parroquia mirando ao ceo.
A actividade desenvolverase en Campo Redondo e combinará divulgación astronómica, patrimonio arqueolóxico e observación do ceo nocturno. A proposta comezará pola tarde, coa chegada das persoas participantes e unha charla divulgativa sobre a eclipse. A continuación, entregaráselles material específico para a súa observación e realizarase un percorrido guiado ata os petróglifos de Gargamala, nunha oportunidade para coñecer de preto parte do patrimonio histórico e cultural da contorna.
O programa continuará cun tempo libre para que as persoas asistentes poidan cear ou facer un pícnic no propio espazo e, xa pola noite, arredor das 22:30 horas, chegará un dos momentos máis especiais da xornada: a observación das Perseidas, unha das choivas de estrelas máis coñecidas e esperadas do verán.
Programa
- 19:15 h | Chegada e encontro en Campo Redondo.
- 19:30 h | Charla sobre a eclipse, entrega de lentes de observación e percorrido guiado ata os petróglifos.
- 21:30 h | Tempo libre para cea e pícnic.
- 22:30 h | Observación das Perseidas.
Desde a organización recoméndase levar calzado axeitado, roupa de abrigo, esterilla e cea para poder gozar da actividade con comodidade. É preciso inscribirse previamente.
“Trátase dunha noite única coa que descubriremos Gargamala dende unha perspectiva diferente” asegura o alcalde de Mondariz, Pablo Barcia. “Primeiro baixo a luz do ceo de agosto e a escuridade da eclipse e logo baixo o espectáculo das estrellas”.

