A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) reclamou este xoves un gran pacto estable que integre á Xunta, a todos os grupos con representación no Parlamento galego e aos axentes económicos e sociais co obxectivo de apoiar as iniciativas empresariais e impulsar a produtividade na comunidade. Tal e como advertiu o presidente da entidade, Juan Manuel Vieites, os datos reflicten que Galicia creceu un 2,5% no último ano, situándose 0,2 puntos por embaixo da media estatal e entre as autonomías con menor dinamismo económico, unha situación que, segundo lembrou, xa puxo enriba da mesa a Autoridade Independiente de Responsabilidad Fiscal (AIReF).
Para a patronal, o problema fundamental non radica nunha falta de talento nin de recursos públicos, senón nunha falla de velocidade administrativa que frea as oportunidades e afasta o territorio do liderado. A CEG demanda unha profunda simplificación nos trámites para os proxectos industriais, a redución dos prazos máximos de autorización, un calendario público de ejecución para iniciativas estratéxicas, seguimento trimestral das inversións e unha evaluación independente. Vieites criticou que mentres as empresas toman decisións en semanas, as administracións tardan meses ou anos, reclamando que a política económica se centre en eliminar obstáculos e evitar a utilización dos proxectos como arma política fronte á lentitude burocrática e as dificultades co chan industrial.

