A Caniza acolle a I Exposición Filatélica da súa historia cunha Oficina Temporal de Matasellado e a emisión dunha tarxeta postal conmemorativa da LX Feira do Xamón. A exposición será inaugurada o vindeiro luns 3 de agosto, ás 12 horas.
A mostra poderá visitarse do 3 ao 7 de agosto, en horario de 8:00 a 15:00h, no Salón de Plenos da Casa do Concello da Caniza, con entrada libre. A raíz desta mostra, deseñarase unha postal conmemorativa inspirada na LX Feira do Xamón da Caniza que poderá adquirirse nas oficinas xerais con un pago previo de 1,50 euros.
En canto á exposición, esta reunirá pezas e documentos de gran interese para as persoas afeccionadas á filatelia e para todas aquelas interesadas na historia local. Entre os seus principais atractivos destacan as coleccións de selos dedicadas á gastronomía e á cultura galega; a historia postal da Caniza, que inclúe a primeira marca prefilatélica do municipio; a presentación do primeiro cuño conmemorativo da LX Edición da Festa-Feira do Xamón da Caniza; a emisión limitada da primeira tarxeta postal conmemorativa desta emblemática celebración e, por primeira vez na historia postal do municipio, a exhibición do selo personalizado emitido por Correos para conmemorar o 60º aniversario da Festa-Feira do Xamón da Caniza, unha peza filatélica creada expresamente para homenaxear unha das celebracións gastronómicas máis representativas de Galicia.
Ademais, e como novidade desta xornada inaugural, desde as 12:00 horas a 14:00h, o Salón de Plenos acollerá unha Oficina Temporal de Matasellado, onde as persoas asistentes poderán estampar o cuño conmemorativo en cartas, sobres e tarxetas postais.

