A Xunta de Galicia vén de declarar, por primeira vez, a emerxencia cinexética temporal en todo o territorio galego co obxectivo de frear o incremento da poboación de xabarís e reducir os danos que esta especie está a provocar tanto nas explotacións agrarias como nas estradas. A medida, publicada este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG), entrará en vigor mañá, venres 31 de xullo, e permanecerá activa ata o 31 de xullo de 2027, abranguendo toda a tempada de caza 2026-2027.
A declaración permitirá intensificar o control da especie mediante a captura ou o abatemento de exemplares sen un límite máximo establecido. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático indica que se priorizará a extracción de femias adultas e subadultas, por seren determinantes no crecemento da poboación.
A resolución será de aplicación nos Tecores, nas zonas libres de caza e, como principal novidade, tamén nas explotacións cinexéticas comerciais de caza maior.
Aínda que Galicia xa recorreu a esta normativa en cinco ocasións anteriores, esta é a primeira vez que a emerxencia se estende a toda a comunidade autónoma. A Xunta xustifica a decisión polo incremento dos danos ocasionados polos xabarís, especialmente nos cultivos, así como polo aumento dos accidentes de tráfico nos que se ve implicada esta especie.
Outro dos argumentos expostos pola Administración autonómica é o risco sanitario asociado á peste porcina africana. Segundo a Consellería, unha elevada densidade de xabarís favorece a propagación da enfermidade, dificulta a súa erradicación e incrementa o risco de que pase a ser endémica en Europa

