A música en directo regresará proximamente aos chiringuitos dos areais de Vigo tras semanas de incertidume e dun intenso intercambio de responsabilidades entre o Concello de Vigo a e Xunta de Galicia.
A concelleira de Medio Ambiente do Concello de Vigo, xunto a técnicos municipais, mantivo este xoves unha reunión cos representantes dos quioscos de praia para trasladarlles a solución que permitirá recuperar as actuacións musicais durante a tempada estival.
O acordo pasa pola posta en marcha dunha ruta musical, unha proposta presentada polos propios implicados, que estará organizada mediante un calendario semanal previamente consensuado entre os propios propietarios. O sistema limitará a actividade a un máximo de dúas actuacións simultáneas en todo o litoral vigués e manterá os luns como xornada sen concertos.
Durante o encontro, os técnicos municipais trasladaron aos concesionarios toda a documentación que deberán presentar para cumprir coa normativa vixente. Unha vez completada, e segundo informaron, será remitida á Xunta de Galicia para a obtención dos títulos habilitantes precisos.
Con este trámite, tal e como destacou o Concello de Vigo, “a previsión é que a música en directo volva soar nas praias de Vigo nos vindeiros días”.

