O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto co comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, veñen de participar na reunión do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, na que se avanzou na organización do I Congreso Internacional de Estudos sobre as Peregrinacións, unha das principais iniciativas académicas deste órgano dentro do programa do Xacobeo 2027.
Durante a sesión, que tivo lugar na sede do Consello Económico e Social de Galicia, abordáronse cuestións de carácter organizativo e científico relativas a este encontro internacional, que se celebrará en Santiago de Compostela no mes de maio de 2027 baixo o lema ‘O futuro da peregrinación: camiños en transformación’. A cita reunirá investigadores, académicos e especialistas de diferentes países para reflexionar sobre a evolución das peregrinacións desde unha perspectiva histórica, cultural, patrimonial, espiritual e social.
Segundo apuntou Xosé Merelles, “a organización deste congreso chega nun momento de especial dinamismo para o Camiño de Santiago e terá lugar en pleno Xacobeo 2027”. No que vai de 2026, máis de 290.000 peregrinos recolleron a Compostela, o que supón un incremento do 3% respecto ao mesmo período de 2025. “Esta evolución confirma a consolidación do fenómeno xacobeo e reforza a importancia de promover espazos de reflexión sobre as oportunidades das peregrinacións no ámbito internacional”, destacou.
“Os datos tamén evidencian a progresiva diversificación das rutas”, subliñou, apuntando que o Camiño Francés continúa a ser o itinerario máis transitado e representa algo máis do 43% das peregrinacións, mentres que o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa concentran arredor do 20% cada un. Precisamente, este último rexistra o maior ritmo de crecemento, cun incremento do 21% respecto ao ano anterior.
Referíndose ao papel do Comité Internacional de Expertos, o director de Turismo referiuse a el coma o órgano de referencia para a planificación das políticas públicas relacionadas co Camiño de Santiago e un garante de que estas conten cunha base científica, histórica e cultural sólida.
Así mesmo, subliñou a dimensión internacional deste órgano consultivo ao sinalar que “a composición do Comité de Expertos favorece a conexión de Galicia coas principais redes académicas xacobeas e contribúe a reforzar a consideración do Camiño como fenómeno cultural de dimensión mundial”.
Un foro internacional sobre o futuro das peregrinacións
Ao longo de tres xornadas desenvolveranse conferencias plenarias impartidas por especialistas de prestixio internacional e sesións paralelas abertas á participación da comunidade investigadora. O programa afondará en cuestións como a historia, a espiritualidade, o patrimonio cultural, a identidade, a diversidade, a sustentabilidade, a inclusión, a paisaxe e os retos de futuro das peregrinacións.
Ademais, terá unha especial significación ao coincidir co 40º aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa (1987-2027), efeméride que reforza a dimensión internacional da ruta xacobea.

