As praias de Rodas e Figueiras, situadas nas Illas Cíes, xa recuperaron a normalidade e volveron a ser aptas para o baño despois de que as últimas analíticas do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia arroxasen resultados favorables. Tal e como informou a Consellería de Sanidade ao Concello de Vigo, os parámetros de enterococos intestinais e Escherichia coli rexresaron a niveis normais, o que descarta calquera risco para a saúde dos bañistas tras tres días de prohibición temporal e avisos de precaución nos areais.
A situación excepcional orixinouse a raíz dunha contaminación puntual detectada nas mostras recollidas o pasado 21 de xullo, cuxos niveis bacterianos superaron os límites establecidos —chegando a rexistrar 2.005 NMP/100 ml fronte aos topes de 500 en enterococos e 800 en E. coli—. Trala notificación, o consistorio vigués colocou sinais de advertencia que se mantiveron durante toda a fin de semana nun parque natural sometido agora a un seguimento específico por parte das consellerías de Sanidade e Medio Ambiente, mentres as autoridades manteñen a vixilancia sanitaria habitual do programa galego de zonas de baño.

