HomeNewsActualidadeLuis Menor reprocha a Jácome que se escude nunha lei contra o...

Luis Menor reprocha a Jácome que se escude nunha lei contra o terrorismo para ocultar os seus bens

O presidente do PP ourensán cuestiona a transparencia do alcalde tras a súa negativa a aclarar os seus ingresos privados e a súa estratexia para non facer pública a súa declaración de patrimonio

O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, cargou este martes contra a xestión da transparencia do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. A polémica xorde a raíz do pleno do pasado venres, no que Jácome respondeu cun rotundo «eu podo cobrar o que me dea a gana» á pregunta da portavoz popular, Ana Méndez, sobre as súas retribucións. Ademais, o rexedor chegou a cualificar de «ignorante» a Menor, letrado da Administración de Xustiza de formación.

Menor respondeu hoxe a esas alusións, desvinculándose do ton do rexedor e sinalando que a decisión da Audiencia de arquivar a causa por prevaricación non liquida a cuestión sobre a compatibilidade das actividades privadas do alcalde. «Que algo non sexa delito non quere dicir que sexa legal», apuntou Menor, insistindo en que Jácome ten a obriga de aclarar a súa situación como autónomo e administrador dunha sociedade con ingresos públicos elevados.

O uso dunha lei contra a extorsión de ETA

Un dos puntos máis críticos da intervención de Menor refírese á declaración de bens. O alcalde de Ourense evita facela pública no Concello depositándoa nunha institución da que xa non forma parte, a Deputación de Ourense. Menor explicou que Jácome se acolle a unha excepción legal modificada no ano 2003, ideada entón para protexer a concelleiros do PP e do PSOE que eran ameazados por ETA.

«As súas pertenencias eran públicas e así eran brancos fáciles: sabíase onde tiñan o piso ou o que tiñan no banco, tanto para unha vixilancia como para unha extorsión», lembrou o presidente dos populares. Para Menor, o uso actual desta norma polo alcalde, nun contexto sen esa presión terrorista, non resulta ético: «É legal presentalo nun órgano do que un non é membro? Si. É o correcto? Creo que non».

As dúbidas sobre a compatibilidade

Máis aló da transparencia patrimonial, o líder do PP provincial mantén que a cuestión da compatibilidade entre a actividade pública e a privada do alcalde non está resolta. Menor recalcou que calquera actividade privada que implique ingresos públicos esixe unha declaración de compatibilidade e non permite ao rexedor actuar con total opacidade. «Cando menos debería consultalo e non dicir que pode cobrar o que lle dá a gana», sentenciou.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS