HomeNewsActualidadeMuxía acolle o balance do primeiro ano da Lei de Litoral: "Vivimos...

Muxía acolle o balance do primeiro ano da Lei de Litoral: “Vivimos na costa e podemos vivir da costa”

A Xunta destaca a simplificación administrativa e a creación de emprego no litoral galego, nun acto onde tamén se presentou a nova aplicación para percorrer o Camiño do Litoral

O Parador de Muxía converteuse este mércores no escenario elixido pola Xunta de Galicia para conmemorar o primeiro ano de xestión autonómica do litoral. O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, reuniu a representantes institucionais e do sector empresarial para facer balance dunha normativa que, segundo o Executivo, supuxo un antes e un despois para a economía costeira.

Alfonso Rueda subliñou que a transferencia desta competencia permitiu gañar axilidade. “Obras que antes se tramitaban en meses, agora fanse en dúas semanas”, afirmou o presidente, facendo fincapé en que a lei permite recuperar bens que antes estaban bloqueados pola normativa estatal. A mensaxe central foi clara: a necesidade de ser “intelixentes, non dogmáticos” para lograr o equilibrio entre a protección do patrimonio natural e a viabilidade da actividade humana e empresarial.

Un sector económico reforzado

O acto contou cunha mesa de debate onde empresarios e representantes municipais, como a alcaldesa de Sanxenxo, Dolores García Caramés, coincidiron en destacar a seguridade xurídica que achega a actual lei.

Para negocios como o chiringuito Bico Beach, a normativa traduciuse en meses de apertura máis longos e maiores facilidades para investimentos sostibles. Pola súa banda, empresas do sector da transformación de produtos do mar, como a pobrense Congalsa, valoraron que a nova xestión lles permite participar de forma máis activa e coherente nas decisións que afectan aos seus territorios de influencia.

O Camiño do Litoral, en mans do camiñante

A xornada tamén serviu para presentar en sociedade a nova aplicación móbil do Camiño do Litoral. Esta ferramenta facilita a percorrido completo desta ruta, que se estende por 1.300 quilómetros, atravesa 78 concellos e conta con 52 etapas que unen Ribadeo con Tui.

A aplicación, xa dispoñible para iOS e Android en catro idiomas, ofrece detalles prácticos sobre desniveis, distancias e puntos de interese, complementando a instalación de máis de 250 novas sinais ao longo de todo o percorrido.

Galicia, coa costa máis extensa de España —sumando 2.555 quilómetros de litoral—, afianza así unha estratexia que busca modernizar o territorio. “Vivimos na costa e podemos vivir da costa”, concluíu Rueda, poñendo o foco nun futuro onde o turismo, o patrimonio e a actividade económica sexan compatibles baixo a marca Galicia Calidade.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS