HomeNewsActualidadeO Porriño licita a segunda fase da ampliación do Auditorio, que contará...

O Porriño licita a segunda fase da ampliación do Auditorio, que contará con anfiteatro e cafetería

O Concello do Porriño continúa vén de licitar as obras correspondentes ao Proxecto de ampliación do auditorio para unha nova sala de exposicións e anfiteatro, unha intervención arquitectónica que se desenvolverá na rúa Xosé Fernández López e que constitúe a segunda fase do gran complexo sociocultural do Porriño. 

A finalidade principal desta ampliación é “enriquecer a axenda social e cultural do concello dotándoo de espazos versátiles, modernos e accesibles”, aseguran dende a entidade municipal. O novo volume edificado conectará directamente co auditorio que actualmente se atopa en fase de construción.

Entre as principais novidades destaca a creación dun anfiteatro con capacidade para 25 novas butacas orientado cara ao escenario principal, o que permitirá elevar a capacidade total do conxunto ata as 350 prazas. Un deseño que explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “se fixo co asesoramento da artista porriñesa Janeth Novás”. Así mesmo, dotarase ao complexo dunha sala de usos múltiples e exposicións na cota superior que servirá de acceso accesible mediante unha rampla , ademais de aseos adaptados, almacén e unha pequena zona de cociña.

Outro dos grandes atractivos do deseño arquitectónico, asinado pola arquitecta Estefanía Grandal Leirós , é o aproveitamento da súa cuberta plana. Nela configurarase unha terraza que se converterá nunha gran cafetería ao aire libre. Un espazo único no Porriño, cunhas vistas privilexiadas do centro urbano. O entorno servirá para grandes eventos pero tamén como novo espazo de lecer para a cidadanía.

“Coa licitación desta segunda fase, O Porriño dá un salto cualitativo na súa oferta cultural. Non só ampliamos o espazo físico do Auditorio ata as 350 prazas, senón que creamos un punto de encontro vivo, moderno e accesible para todos os veciños e veciñas”, asegura o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

Integración urbana e sostibilidade

O deseño persegue un estrito diálogo visual e volumétrico cos edificios lindeiros (o Centro Cultural e a Biblioteca Municipal, construídos en Rosa Porriño). Así, para o novo volume utilizarase un revestimento exterior de fachada ventilada en chapa de zinc de cor marrón, logrando unha imaxe limpa e contemporánea.

Ademais, os traballos contemplan a urbanización integral de toda a parcela exterior (duns 500 metros cadrados) para xerar un contorno peonil de calidade, totalmente accesible e que facilitará o acceso ordenado de vehículos para as tarefas de carga e descarga de material escénico , ademais de acondicionar unha nova rúa perpendicular que dará acceso ao montacargas municipal. En materia de sostibilidade, a nova infraestrutura adoptará os máximos criterios de eficiencia enerxética mediante un sistema de climatización por bomba de calor aerotérmica.

Os traballos, que ascenden a 737.291,87€,  licitaranse mediante un procedemento aberto e contarán cun prazo máximo de execución de 7 meses a partir da súa adxudicación.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS