Ata finais do mes de setembro a Catedral de Tui acolle a instalación artística “Relicario” obra do tudense Carlos Fer dentro dos actos conmemorativos do 800 aniversario da consagración do templo catedralicio.
Durante a inauguración da mesma, interviron o alcalde, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente; o deán da Catedral, José Diéguez; o director do museo Tude, Santiago Vega; e o propio artista, Carlos Fer.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou o “excepcional da mostra, do artista e do espazo no que se presenta”. Tamén se referiu ao “momento de esplendor” que vive a Catedral, tanto polo aniversario da súa consagración, como polas obras que se acometeron e se están a realizar, nun templo que se reafirma coma faro da cidade e do territorio.
Pola súa parte a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, amosou a súa satisfacción por “poder presentar por vez primeira en Tui a obra de Carlos Fer, que conta cunha destacada traxectoria”. “Trátase”, segundo explicou, “do proxecto máis emocionante e impactante do programa conmemorativo do oitavo centenario da consagración do templo”. Tamén amosou o seu agradecemento ao cabido da Catedral pola colaboración para a realización da mostra.
O director do Museo Tude, Santiago Vega, reflexionou sobre o diálogo dos estilos artísticos na Catedral, aos que agora se engade unha mostra contemporánea que dá á Catedral, unha expresión de actualidade, cunha obra que desprende autenticidade e ofrece o mellor de si mesma. Afirmaba que Relicario “convértese nun canto á beleza”.
A beleza da proposta foi tamén sinalada na súa intervención polo deán da Catedral, José Diéguez, quen reflexionou sobre o termo relicario que dá nome á intervención.
Carlos Fer explicou que a súa obra está inspirada na capela das Reliquias da Catedral, plantexada coma unha intervención que se integra no espazo, que dialoga coa pedra e coa arquitectura existente. Son 800 pezas, distribuídas en oito
colares, que interactúan coa luz, que gardan recordos ou memoria.
Relicario pódese visitar na Catedral de Tui até finais do mes de setembro.

