HomeNewsActualidadeO baloncesto galego dase cita este sábado no Torneo 3x3 do Porriño

O baloncesto galego dase cita este sábado no Torneo 3×3 do Porriño

O Porriño prepárase para vivir este sábado unha xornada de deporte e cultura urbana coa celebración do Torneo 3×3 de Porriño Baloncesto Base. A vila converterase no epicentro do baloncesto galego cun total de 60 equipos e máis de 240 deportistas inscritos que encherán de ritmo, intensidade e talento as rúas do municipio.

O torneo destaca polo seu carácter integrador e a súa gran proxección autonómica, atraendo a xogadores e xogadoras chegados desde as catro provincias de Galicia. Acompetición abranguerá categorías desde a base ata os veteranos, con idades que van desde os 12 ata os máis de 40 anos. O gran nivel deportivo está máis que garantido grazas á confirmación de tres equipos FIBA de alto nivel que forman parte do circuíto oficial e que elixiron O Porriño como parada estratéxica.

Ademais este ano, os gañadores da categoría Masculina Pro teñen acceso directo ao 3×3 do Festival O Marisquiño que se celebra en agosto. Só hai catro pases directos en toda España para participar nesta proba. E as gañadoras da categoría Sénior Feminina, teñen o pase directo ao 3X3 de Cangas. Toda a competición da tarde vaise a transmitir polas redes sociais da organización e do Concello do Porriño.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, amosou o seu orgullo por acoller un evento desta magnitude e asegurou que “o noso municipio volve demostrar a súa enorme capacidade para organizar citas deportivas de primeiro nivel que dinamizan a vila e enchen de vida as nosas rúas”. O rexedor subliñou o compromiso total do Concello co deporte base e a cultura urbana, destacando que “este sábado imos vivir unha xornada inesquecible onde os valores do compañeirismo, o esforzo e a saúde serán os grandes protagonistas, consolidando ao Porriño como un referente deportivo en toda Galicia”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS