HomeNewsActualidadeTres alumnas do Colegio Lar deseñan unha molécula capaz de combatir bacterias...

Tres alumnas do Colegio Lar deseñan unha molécula capaz de combatir bacterias e gañan o STEMbach 2026

O Colegio Lar de Mos vén de gañar, por segundo ano consecutivo, o certame STEMbach, que busca premiar os mellores proxectos científicos desenvolvidos polo alumnado preuniversitario. Así, as alumnas Cellén Díaz, Lidia Durán e Lucía Rodríguez, integrantes do programa STEMbach do centro, veñen de ser proclamadas gañadoras dos premios.

O proxecto premiado aborda un dos grandes desafíos sanitarios a nivel mundial como é a crecente resistencia bacteriana aos antibióticos. A través dunha investigación bioinformática, as estudantes desenvolveron unha molécula híbrida deseñada mediante simulacións, computacións avanzadas e programación especializada, con potencial para superar a eficacia de tratamentos antibióticos actualmente dispoñibles.

O galardón supón unha “revalidación do éxito alcanzado polo centro na edición anterior do certame, na que outro equipo do colexio obtivo tamén o primeiro premio”, aseguran dende a dirección do colexio.

A vitoria do pasado ano permitiu ás estudantes galardoadas viaxar a Bruselas, onde visitaron o Parlamento Europeo e participaron na feira internacional “Science is Wonderful!”, unha experiencia que as converteu en “auténticas embaixadoras do talento científico mozo e feminino”. Por agora, a organización do certame non desvelou cal será o premio ou destino reservado para as gañadoras desta edición.

“Detrás deste logro hai meses de traballo riguroso, investigación extracurricular, análise de datos e superación constante de retos técnicos”, afirma o director do centro, Rodrigo M. Salgado Pombo.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS