O Auditorio Municipal de Salceda acollerá este domingo ás 20.30 horas a estrea europea da obra “Salceda en Festa”, unha mostra do teatro popular galego escrito na emigración arxentina a principios do século XX. Ambientada na parroquia de Entenza, en Salceda de Caselas, a obra amosa de xeito costumista o ambiente festivo da súa veciñanza na celebración dunha romaría, á que asiste un mozo emigrante retornado a súa vila natal en compaña do seu protector arxentino.
A obra foi escrita en Bos Aires por “Don Crispín”, seudónimo do salcedense Antonio Fernández Lorenzo, e por Manuel González Iglesias, coñecido como o “Xastre de Lalín”, natural desa localidade galega, ambos moi relacionados co Centro de Protección Agrícola de Salceda, fundado por emigrantes en 1913 na cidade arxentina.
Representouse por primeira vez o 13 de outubro de 1917 no Orfeón Español coincidindo coa festa de celebración do cuarto aniversario do Centro salcedense na emigración, sendo representada novamente en 1919, e en distintas ocasións ao longo da década dos vinte. Contou con música propia, composta polo compostelán Humberto Míguez Rúa, quen dirixiu a orquestra na súa estrea, destacando a composición do pasodobre titulado “Salceda” que serviu de preámbulo naquela ocasión. A maiores, a obra foi publicada por entregas entre outubro de 1924 e xuño de 1925 no xornal “El Agrario”, que daba voz ás inquedanzas do Centro de Protección Agrícola de Salceda en Bos Aires.
A creación represéntase por primeira vez neste 2026 en terras galegas, conxuntamente entre alumnado e profesorado do IES Pedras Rubias, en colaboración coa Banda Cultural de Salceda que aporta a música en directo, e o Rancho Tradicional da Feira, e co apoio do Concello de Salceda de Caselas.
Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, quixo trasladar os seus parabéns ao IES Pedras Rubias, e especialmente a Fernando Telle, polo traballo realizado na recuperación desta obra histórica. “É un auténtico privilexio contar cunha sociedade así de comprometida. Fernado Telle e o IES Pedras Rubias veñen de facer un traballo espectacular tanto na recuperación do xornal “El Agrario” como agora co “Salceda en Festa”, do cal non podemos estar máis orgullosas” asegura a rexedora.
A representación celebrarase en dúas sesións, o domingo 21 e o xoves 25, ás 20.30 horas, e para poder asistir é preciso recoller o convite na Casa da Cultura Castelao; ou no propio Auditorio o día da representación se non se esgotan antes.

