A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este luns desde Moaña un reforzo inmediato da sanidade pública galega, poñendo o foco na necesidade de aumentar os recursos humanos e manter operativos todos os servizos ante a chegada da época estival. Pontón denunciou que o Goberno de Alfonso Rueda persiste na estratexia de “pechar camas e recortar servizos”, unha política que, segundo advertiu, non fai máis que incrementar as xa “avultadas” listas de espera.
A líder nacionalista puxo como exemplo a situación “insólita” de Moaña, onde o novo centro de saúde abriu as súas portas sen que se restablecese o Punto de Atención Continuada (PAC) que o municipio tiña antes da pandemia. “Ter unha ambulancia non significa ter un PAC”, sentenciou Pontón, que se solidarizou coa veciñanza que leva 240 semanas reclamando a recuperación deste servizo de urxencias.
Medidas contra a precariedade
Para a portavoz do Bloque, a solución á crise sanitaria non pasa por “anuncios nin propaganda”, senón por un plan efectivo de captación de profesionais con condicións laborais dignas. Pontón defende que a precariedade actual é a principal responsable da perda de servizos e sostén que é posible recuperar a calidade asistencial contratando máis médicos, pediatras e persoal de enfermería.
A dirixente nacionalista tamén instou ao Executivo galego a elevar o investimento sanitario, sinalando que o Partido Popular recortou 1.640 millóns de euros na atención primaria durante os seus 17 anos ao fronte da Xunta. Segundo denunciou, esta xestión responde a unha ideoloxía que busca beneficiar á sanidade privada, entendendo a saúde “como un negocio para uns poucos”.
Ante o bloqueo da situación en Moaña, o BNG anunciou que levará este conflito ao pleno do Parlamento galego esta semana. “Se o señor Rueda pensa que imos tirar a toalla, equivócase; imos seguir defendendo a sanidade pública nas rúas e nas institucións”, concluíu Pontón.

