O Goberno galego continúa co seu proceso de renovación de altos cargos. O Consello da Xunta aprobou este luns dous novos nomeamentos que teñen a Vigo como epicentro: Natalia Botana, nova presidenta de Portos de Galicia, e Susana Pérez Iglesias, que será a nova secretaria xeral de Emprego.
Natalia Botana chega á presidencia de Portos de Galicia para cubrir a vacante que deixou hai dúas semanas José Antonio Álvarez Vidal, quen pasou a dirixir a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Botana, con experiencia previa na administración autonómica como xefa territorial de Sanidade en Vigo, asume este cargo nun momento estratéxico para a infraestrutura portuaria galega.
Pola súa banda, Susana Pérez Iglesias substitúe a Pablo Fernández na Secretaría Xeral de Emprego. A nova responsable deste departamento conta cunha ampla traxectoria no ámbito privado, onde exerceu como directora de Infi Consulting Group e socia fundadora de Etiqueta Ibérica. Ademais, Pérez Iglesias presidiu a asociación Empresarias Galicia, que conta na actualidade con máis de 230 socias.

