O deputado vilagarcián Raúl Santamaría foi elixido este venres novo presidente de Novas Xeracións (NNXX) da provincia de Pontevedra por unanimidade. O 10º Congreso Provincial da organización xuvenil popular serviu para iniciar unha nova etapa na que o novo dirixente apostou por “atender máis que nunca ás necesidades da mocidade” coa vista posta nas eleccións municipais de 2027.
Durante a clausura do acto, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, felicitou a Santamaría e puxo en valor a súa capacidade para defender os intereses da mocidade “con tranquilidade e sentidiño”. Prado aproveitou a súa intervención para resaltar que o PPdeG é a primeira opción electoral entre os menores de 30 anos en Galicia, acadando o apoio de catro de cada dez mozos nas pasadas autonómicas.

O obxectivo: protagonismo na axenda política
Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, garantiu que Novas Xeracións terá un “papel fundamental e protagonista” nos próximos anos. López anunciou que o programa para as municipais de 2027 será o que conte con “máis políticas xuvenís da historia” do partido, destacando avances como a matrícula universitaria gratuíta e a aposta polas prazas de Formación Profesional.
Na súa primeira mensaxe como presidente, Santamaría defendeu que a mocidade “xa somos presente” e agradeceu a confianza depositada no seu novo equipo, formado por Iago Cribeiro como vicepresidente e Sonia Baqueiro como secretaria xeral. O novo responsable provincial tivo un recordo especial para o falecido Pablo Carollo, quen foi o seu mentor na organización, e para a anterior presidenta, Ana Cristina Pérez Cabaleiro, pola súa labor ao longo de oito anos.
O Congreso, que contou con representantes de todo o partido, serviu ademais para reafirmar a posición do PP fronte a outras forzas políticas, defendendo as políticas da Xunta en materia de vivenda e emprego como a vía para ofrecer oportunidades reais aos rapaces e rapazas galegos.

