HomeO PaísA CoruñaCondenan a tres anos e medio de prisión ao lotero da Coruña...

Condenan a tres anos e medio de prisión ao lotero da Coruña que ocultou un premio de 4,7 millóns

A Audiencia Provincial ordena que o importe do boleto premiado pase á familia do verdadeiro dono, un home falecido en 2014 que nunca soubo que gañara a Primitiva

A xustiza sentenciou finalmente o caso da “Primitiva millonaria” da Coruña. Manuel Reija, responsable da administración de lotería “La Esquina Afortunada” (San Agustín), foi condenado a tres anos e medio de prisión por un delito de estafa agravada. O fallo da Audiencia Provincial determína que o lotero actuou con “mala fe e avaricia” ao apropiarse dun boleto premiado con 4,7 millóns de euros que un cliente lle entregara para comprobar en 2012.

A sentenza, que impón tamén ao condenado a inhabilitación para calquera profesión relacionada coa lotería, establece que o importe do premio debe ser entregado á viúva e á filla do verdadeiro apostante, José Luis Alonso. Este, que faleceu dous anos despois do sorteo sen coñecer nunca a súa fortuna, foi vítima dun engano minuciosamente urdido por Reija, quen lle asegurou que os seus boletos non tiñan premio para logo quedar co gañador.

Unha estratexia de engano “fía e malévola”

Segundo recolle a resolución xudicial, Reija introduciu o resguardo no terminal, viu o premio de primeira categoría e, en lugar de informalo, gardouno nunha zona interior do establecemento. Posteriormente, intentou facer pasar o boleto por un achado fortuíto no mostrador, unha versión que o tribunal rexeita frontalmente ao probarse a súa intención de lucro.

O labor policial, que foi recoñecido con medallas ao mérito, foi determinante para esclarecer os feitos. Os axentes lograron reconstruír os hábitos de xogo de José Luis Alonso, acreditando que a combinación gañadora —validada nunha administración de Carrefour semanas antes— coincidía coas apostas que o falecido realizaba habitualmente nos seus desprazamentos e vacacións.

Absolución para o seu irmán

Ademais da condena ao lotero, a Audiencia Provincial de A Coruña acordou a absolución do seu irmán, daquela delegado de Loterías. O tribunal considera probado que o propio Manuel Reija o enganou dende o primeiro momento, facéndolle crer que atopara os boletos abandonados, o que o mantivo baixo sospeita durante máis de catorce anos.

En canto ao cobro dos 4,7 millóns de euros, a sentenza especifica que a contía —que deberán aboar de forma solidaria o condenado e a Sociedade Estatal Loterías e Apuestas del Estado— pasará á masa hereditaria. A viúva e a filla de Alonso poderán dispoñer do diñeiro unha vez que presenten a documentación que as acredite como únicas herdeiras. A sentenza, non obstante, aínda pode ser recorrida ante o Tribunal Supremo.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS