O Concello de Salvaterra de Miño vén de poñer en marcha un novo proxecto para recuperar a memoria histórica no municipio. Tras unha primeira intervención o pasado ano, a administración local impulsará agora unha segunda exhumación co obxectivo de localizar os restos de tres persoas represaliadas durante a Guerra Civil.
Segundo os datos recollidos nas partidas de defunción do xulgado de paz, os restos de Bernardo Bernárdez Martínez, Delfín Rey Sánchez e unha terceira persoa, cuxa identidade segue sen coñecerse, atópanse soterrados no cemiterio civil da localidade, situado en Chan da Ponte.
Esta actuación realízase en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e A Louriña. O proxecto conta con financiamento da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para cubrir os custos dos traballos.
Identificación e análise forense
A meta principal da intervención é a localización das fosas e a recuperación dos corpos para proceder posteriormente á súa identificación. Unha vez recuperados os restos, levarase a cabo un estudo antropolóxico exhaustivo que correrá a cargo do médico forense Fernando Serrulla.
O Concello xa ten contratada á empresa Breogán Arqueoloxía para realizar as labores de escavación sobre o terreo. Nestes momentos, a administración local tan só está pendente de recibir a resolución administrativa que autorice o inicio dos traballos de xeito oficial.

