HomeConcellos +A CañizaO Concello da Caniza homenaxea ao equipo infantil do CF Cañiza polo...

O Concello da Caniza homenaxea ao equipo infantil do CF Cañiza polo seu campionato de liga

O Salón de Plenos do Concello da Caniza acolleu o pasado martes unha recepción oficial en recoñecemento ao equipo infantil do CF Cañiza, que se proclamou campión da categoría Infantil 3ª Futgal Vigo – Segunda Fase Grupo 5 na tempada 2025-2026.

O acto estivo presidido polo alcalde, Luis Piña, acompañado pola tenente de alcalde, María José Rodríguez, quen recibiron ao equipo campión, así como ás súas familias, ao corpo técnico e aos representantes do club.

Na recepción tamén estiveron presentes a presidenta do CF Cañiza, Mónica Almuiña, as adestradoras Emma López e Linda Riveiro, e a delegada do equipo, Sonia Fernández.

Durante a súa intervención, o alcalde felicitou a todos os integrantes do equipo polo magnífico campionato realizado, destacando, “unha vez máis, o esforzo, a constancia, o compañeirismo e a dedicación demostrados nesta Liga”. Luis Piña fixo extensiva a súa noraboa ás familias polo “apoio incondicional prestado aos mozos e mozas deportistas, acompañándoos en cada adestramento e competición”.

O equipo infantil do CF Cañiza rematou a competición como líder do seu grupo, cun balance de 30 puntos en 11 xornadas, 10 vitorias, 55 goles a favor e só 16 en contra, uns rexistros que reflicten o gran traballo desenvolvido por xogadores, adestradoras e directiva.

Como mostra “do recoñecemento institucional a este éxito deportivo”, o alcalde fixo entrega de medallas a todos os integrantes do equipo e concluíu o acto cunha fotografía de familia no Salón de Plenos.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS