HomeNewsActualidadePonteareas continúa na busca dunha conexión peonil segura co IES Barral

Ponteareas continúa na busca dunha conexión peonil segura co IES Barral

O Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Ensino, continúa traballando na procura dunha solución viable para mellorar os accesos peonís ao IES Barral e conectar o actual camiño seguro co instituto.

Nos últimos meses mantivéronse diferentes reunións de traballo do equipo de goberno para estudar as posibles alternativas. Durante ese proceso analizáronse varias opcións, pero comprobouse que algunhas delas requirían atravesar ou ocupar terreos privados, o que dificultaba a súa viabilidade administrativa e técnica.

Ante esta situación, a Concellería de Ensino preparou unha primeira proposta baseada no aproveitamento do antigo tramo urbano da N-120, hoxe xa de titularidade municipal, para ampliar os itinerarios peonís seguros mediante novas beirarrúas, melloras na iluminación e actuacións de calmado do tráfico.

A alcaldesa, Nava Castro, lembra que “precisamente solicitamos o traspaso deste tramo da N-120 para poder actuar directamente sobre el e mellorar a seguridade viaria e peonil. Vanse executar actuacións importantes nesta contorna e seguimos estudando a mellor forma de conectala cos centros educativos”.

Esta alternativa foi presentada nunha reunión convocada pola Concellería de Ensino co equipo directivo do centro e coa ANPA, pero non contou coa unanimidade desta última, que solicitou seguir explorando outras posibilidades aínda que implicasen afeccións a fincas privadas.

Por iso, o Concello continuou traballando no tema e explorou unha terceira vía que permitise avanzar cara a unha solución máis consensuada e executable. Como resultado deste traballo, a Concellería de Ensino elaborou unha nova proposta que contempla a creación dun corredor peonil seguro duns 2,5 metros de ancho aproveitando a zona lindeira das instalacións educativas, sen interferir na actividade lectiva nin no acceso ao recinto escolar.

“O noso obxectivo é ofrecer unha solución viable, segura e executable que permita conectar ambos centros educativos e mellorar os desprazamentos diarios do alumnado”, detallou o concelleiro de Ensino, Ricardo González.

Esta alternativa xa foi abordada co xefe territorial da Consellería de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, así como coa unidade técnica de educación, que trasladaron unha valoración favorable á proposta. O proxecto foi tamén presentado á dirección do centro educativo e será exposto ao Consello Escolar previsto para o próximo 30 de xuño para coñecer as achegas e valoracións dos distintos membros da comunidade escolar.

Ademais desta actuación, o Concello continúa estudando outras posibilidades de mellora da mobilidade na zona a medio e longo prazo, entre elas a reordenación e mellora dos accesos entre a contorna do Centro de Saúde e a zona da gasolineira, actuacións que permitirían seguir reforzando a seguridade peonil neste ámbito educativo.

A alcaldesa insiste en que “todas as partes perseguimos o mesmo obxectivo: que o alumnado poida chegar ao centro con total seguridade. Por iso pedimos confianza e responsabilidade para analizar conxuntamente as propostas que se presentarán no Consello Escolar antes de descartar solucións que poden ser beneficiosas para o conxunto da comunidade escolar e para a seguridade do alumnado”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS