O Concello do Porriño prepárase para acoller este sábado, 13 de xuño, unha das citas máis agardadas do calendario ciclista autonómico: o Gran Premio Concello do Porriño 2026, onde se determinarán os campións galegos da categoría Sub-23 e Élite, ademais do gañador da proba. A carreira, reservada para as categorías Élite e Sub-23, reunirá os mellores talentos do ciclismo nunha xornada que promete espectáculo, velocidade e máxima esixencia.
O acto de presentación oficial da proba no Concello do Porriño contou coa intervención de tres figuras clave para o desenvolvemento do evento: Juan José Álvarez Cerdeira, presidente do club organizador Master da Louriña; Jacobo Ucha Rodríguez, director técnico da Federación Galega de Ciclismo (FGC); e o recoñecido ex-ciclista profesional e actual director de equipo, Jesús Blanco Villar.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, animou a toda a cidadanía a “gozar desta proba referente do ciclismo galego e do ciclismo porriñés” e agradeceu á organización e patrocinadores o “esforzo que fan para que poidamos gozar no pobo de eventos deportivos deste nivel”.
Acudía tamén Jorge Pérez, competidor da proba e pertencente ao clube ODL Team Lasal Cociñas.
Detalles da competición
A proba, patrocinada por Lasal Cociñas, chega á súa sétima edición e arrincará oficialmente ás 16:30 horas, tendo como epicentro o concello do Porriño. Son 140 quilómetros de percorrido, nunha ruta que dará a volta ao val. Os corredores que formalizasen a súa inscrición poderán recoller os seus dorsais o mesmo sábado na zona de saída, nun horario estrito de 15:00 a 16:00 horas.
A organización limitou a participación a un máximo de 150 corredores, garantindo así a seguridade e a calidade organizativa do evento.

