HomeNewsActualidadeA CIUG flexibiliza a corrección da pregunta polémica de Historia na PAU:...

A CIUG flexibiliza a corrección da pregunta polémica de Historia na PAU: nota máxima para as respostas teóricas

A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) establece que o alumnado poderá obter ata 2,5 puntos mesmo sen realizar unha comparación formal, e garante un aprobado mínimo para quen deixou a cuestión en branco

A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) fixo públicos os criterios de corrección para a pregunta máis controvertida do exame de Historia de España desta selectividade: aquela que solicitaba comparar o socialismo e o anarquismo durante a segunda metade do século XIX. Tras as protestas de profesorado e alumnado por un enunciado que non se axustaba ao preparo da materia, a CIUG aplicará unha fórmula flexible que evita que os estudantes se vexan prexudicados.

A principal novidade é que non se esixirá de xeito estrito o formato comparativo. Aqueles alumnos que desenvolvesen o tema de xeito teórico —explicando correctamente ambos os movementos, as súas ideas ou as súas diferenzas— poderán optar á máxima cualificación de 2,5 puntos, sempre que o fixesen de xeito adecuado.

Criterios de aprobado e nota máxima

Os correctores aplicarán a mesma escala de notas tanto para as respostas comparativas como para as desenvolvidas de forma teórica. Segundo os criterios publicados, os niveis de esixencia serán os seguintes:

  • Aprobado (1,25 a 1,74 puntos): Conseguirase indicando semellanzas ou diferenzas básicas, como a crítica ao capitalismo, a loita polos dereitos laborais ou a distinta visión do Estado.
  • Notable (1,75 a 2,24 puntos): Requirirase explicar con certa profundidade polo menos unha das diferenzas ou semellanzas e manter unha redacción correcta.
  • Sobresaliente (2,25 a 2,5 puntos): Será necesario desenvolver con profundidade polo menos dous aspectos, xunto cunha argumentación coherente e vocabulario adecuado.

As respostas sen relación coa materia recibirán un cero, mentres que as redaccións confusas ou incompletas serán avaliadas por debaixo do aprobado (entre 0,1 e 1,24 puntos).

Qué pasa con quen deixou a pregunta en branco?

A CIUG tamén deu instrucións para os casos nos que o alumno optou por non contestar a cuestión por considerala allea ao temario. Nestas situacións:

  • Non se aplicará un cero de xeito automático.
  • A nota ponderarase segundo o rendemento nas outras tres preguntas do exame.
  • Se a nota ponderada é inferior a cinco, asignarase directamente o aprobado mínimo nesta cuestión: 1,25 puntos.

Outros criterios de avaliación

Ademais da flexibilidade nesta pregunta, a CIUG lembrou que a presentación, a coherencia e a corrección gramatical e ortográfica computarán un 10% da nota total do exame de Historia. Tamén se publicaron criterios específicos para a outra opción do mesmo apartado, centrada na Guerra Civil, onde se valorará a capacidade de comparar os bandos republicano e sublevado sen penalizar por non seguir un formato ríxido.

Esta medida pretende amortiguar o impacto dunha das incidencias máis comentadas desta convocatoria da PAU, ofrecendo un maior marxe aos correctores e garantindo que o coñecemento real do alumnado sexa o factor determinante na nota final.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS