Un home de 62 anos faleceu este venres en Allariz tras ser rescatado da presa do río Arnoia, nas proximidades da rúa Acearrica. O suceso tivo lugar pasadas as 20:10 horas, momento no que se activou o operativo de emerxencia tras recibir o aviso o servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Ata o lugar desprazáronse efectivos da Guardia Civil e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Allariz. Malia os esforzos do persoal sanitario por reanimar á vítima, os profesionais non puideron facer nada por salvarlle a vida e tan só puideron certificar o seu falecemento. Segundo fontes oficiais, as causas que derivaron no afogamento están a ser investigadas. O home levaba aproximadamente un ano residindo no municipio.
Este tráxico incidente prodúcese nunha semana na que a afluencia de bañistas aos ríos da provincia de Ourense aumentou notablemente, motivada polas altas temperaturas que se están rexistrando e que, segundo as previsións, se manterán ata a próxima semana.

