HomeNewsActualidadeVinte anos de prisión para o mozo que matou ao seu pai...

Vinte anos de prisión para o mozo que matou ao seu pai a golpes en Narón

O mozo, acusado de matar a golpes ao seu pai en Narón, vén de aceptar 20 anos de prisión e o pagamento de 250.000 euros en indemnizacións aos seus irmáns por danos morais, por un delito consumado de asasinato con aleivosía e asañamento.

O xuízo estaba fixado para este venres na Audiencia Provincial da Coruña, e tras o acordo entre o Ministerio Público, a acusación particular e a defensa ao recoñecer os feitos o procesado, acordouse unha rebaixa da condena en sentenza firme, antes de chegarse a constituír o xurado popular. A condena inclúe a agravante de parentesco e a atenuante de intoxicación etílica.

“Nas horas previas ao suceso consumira bebidas alcohólicas en cantidades que afectaban o control dos impulsos”, sinalou o representante da Fiscalía.

En concreto, entre outras medidas, como dez anos de liberdade vixiada tras a pena de cárcere, o procesado deberá abonar 190.000 euros á súa irmá e 60.000 ao seu irmán.

Neste sentido, o avogado da acusación particular manifestou que, para aceptar a rebaixa da condena, tiveron ” en conta o arrepentimento e o esforzo económico”. “Aumenta a indemnización, pediamos 100.000 euros”, concretou.

Os feitos xulgados ocorreron na tarde do 31 de marzo de 2024 na vivenda na que a vítima, de 66 anos, residía coa súa nai, unha muller dependente de 89 anos.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS