HomeNewsActualidadeO Porriño publica o bando regulador para as fogueiras de San Xoán...

O Porriño publica o bando regulador para as fogueiras de San Xoán 2026

O alcalde do Concello do Porriño, Alejandro Lorenzo, vén de dictar un bando municipal co obxectivo de regular a celebración das tradicionais fogueiras da noite de San Xoán, que terá lugar entre o 23 e o 24 de xuño. A resolución busca garantir a seguridade dos asistentes e previr posibles danos en bens públicos e privados ante o aceso masivo de lumes na vila. O

bando recolle unha serie de normas de obrigado cumprimento para todas as persoas ou entidades que desexen organizar unha fogueira, regulando aspectos que van dende a súa localización e tamaño ata os materiais permitidos e o procedemento de solicitude.

Deste xeito, dito bando establece o seguinte:

Medidas de seguridade

As fogueiras deberán situarse sempre en lugares despexados, respectando unha distancia mínima de 15 metros con respecto a calquera edificación ou árbores. O bando fixa que a zona de combustión non poderá superar os 4 metros de ancho nin os 2 metros de altura.

Así mesmo, o público asistente terá que manter unha distancia de seguridade como mínimo igual ao ancho da fogueira respecto do seu perímetro exterior. Para a combustión unicamente se autoriza o uso de leñas, polas, toros de árbores e vellos materiais de madeira. Queda totalmente prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites ou calquera substancia que desprenda fumes tóxicos, así como guindar recipientes que contivesen líquidos inflamables ou gases a presión (sprays). Tampouco se permitirán lumes baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, nin en solo rústico de protección forestal ou de espazos naturais.

O Concello aclara que este bando non se aplica á queima de restos agrícolas ou forestais, cuxa competencia corresponde á Xunta de Galicia, polo que non se poderán utilizar estes materiais nas fogueiras de San Xoán.

Protección do espazo público

No caso de que as fogueiras se realicen sobre terreos públicos lousados, asfaltados ou pintados, a organización deberá protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros de espesor en toda a superficie.

A vixilancia do lume será responsabilidade dos solicitantes ata a súa total extinción, que se asegurará empapando os restos con auga ata que as cinzas queden completamente apagadas. As persoas organizadoras deberán ter a man os teléfonos de Bombeiros (080) e Emerxencias (112).

A Policía Local e as autoridades competentes vixiarán o cumprimento da norma e poderán ordenar a extinción inmediata ante calquera risco ou alerta meteorolóxica.

A maiores, as persoas interesadas en organizar unha fogueira deberán presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica, tendo de prazo ata o 15 de xuño de 2026. Deberanse achegar os datos da persoa responsable, teléfono de contacto, fotocopia do DNI e a localización exacta do evento. Dende o Concello destacan que “só se autorizarán lumes para a noite do 23 ao 24 de xuño”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS