Cristina Fernández Davila será a candidata do BNG á alcaldía de Ponteareas nas eleccións municipais de 2027. Así o proclamou a asemblea local do BNG, que avalou a súa elección destacando “a súa experiencia, capacidade de xestión e compromiso co proxecto transformador iniciado en 2015”.
O Bloque considera que Cristina Fernández representa “a mellor opción para liderar un novo tempo de avance para Ponteareas”, combinando experiencia institucional, coñecemento da realidade local e unha forma de facer política baseada na proximidade, o diálogo e o traballo colectivo.
“É unha persoa preparada para gobernar” sinalan dende o partido, “cun perfil centrado na xestión, na toma de decisións e na capacidade para dar estabilidade a un proxecto municipal sólido e con vocación de futuro”. Fernández Davila, deputada no Parlamento Galego dende 2023, posúe catorce anos de experiencia no ámbito municipal. É concelleira dende 2012, con responsabilidades de goberno durante oito anos e exercendo tamén como alcaldesa. A súa traxectoria política estivo estreitamente ligada ao proceso de transformación de Ponteareas na última década, sendo a persoa de máxima confianza do exalcalde Xosé Represas e formando parte activa das decisións estratéxicas impulsadas polos gobernos do BNG.
Outro dos aspectos máis valorados pola formación nacionalista é a súa relación directa coa veciñanza. O Bloque destaca a súa “capacidade de escoita, empatía e atención ás necesidades reais da cidadanía”, así como unha maneira de “facer política respectuosa, útil e afastada da confrontación innecesaria”.
A asemblea puxo tamén en valor a súa traxectoria de compromiso permanente co BNG, subliñando a súa lealdade ao proxecto colectivo e a súa disposición constante para asumir responsabilidades, mesmo nos momentos máis difíciles. Neste sentido, o Bloque lembra que Cristina Fernández asumiu a alcaldía tras a ausencia de Xosé Represas nun contexto especialmente complexo, demostrando “valentía, responsabilidade e capacidade de liderado” para afrontar unha etapa marcada pola dificultade e a incerteza.
Para o BNG, a súa candidatura combina “a continuidade dun modelo de transformación política e social que mudou Ponteareas nos últimos anos coa renovación a través dun liderado feminino, próximo, dialogante e conectado cos retos actuais e coas demandas sociais do presente”.
Coa proclamación de Cristina Fernández como candidata á alcaldía, o BNG inicia unha nova etapa “con ilusión, responsabilidade e a vontade de seguir construíndo unha Ponteareas para as persoas, máis dinámica, máis xusta e con máis futuro”.

