HomeNewsActualidadeGuía de plans en Galicia: Letras Galegas, citas gastronómicas e grandes concertos...

Guía de plans en Galicia: Letras Galegas, citas gastronómicas e grandes concertos para o fin de semana

Que facer en Galicia este fin de semana: Letras Galegas, Festas da Ascensión e concertos

Galicia prepárase para un fin de semana de intensa actividade cultural, festiva e deportiva. O gran protagonismo de estas xornadas será para o Día das Letras Galegas, que este domingo 17 de maio homenaxea á xornalista e escritora viguesa Begoña Caamaño. Ao redor desta conmemoración, e sumándose a citas gastronómicas e musicais consolidadas, a comunidade ofrece multitude de opcións para gozar do tempo de lecer.

Letras Galegas 2026: Homenaxe a Begoña Caamaño

A Real Academia Galega centra os actos institucionais na honra de Begoña Caamaño co seu pleno extraordinario, que terá lugar o domingo ao mediodía no Teatro Principal de Santiago de Compostela. A institución recoñece así a traxectoria de Caamaño como defensora da información veraz e a súa achega literaria con obras como Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), cuxa carreira narrativa quedou truncada tras o seu falecemento no ano 2014 aos 50 anos.

A programación cultural esténdese por varias localidades galegas con diferentes propostas de balde:

  • Santiago de Compostela: A praza de San Martiño Pinario acollerá ás 12:00 horas o concerto A voz das Letras Galegas, a cargo da Banda Municipal de Música de Santiago baixo a dirección de David Fiuza. Xa pola tarde, ás 20:00 horas, a praza da Quintana será o escenario de De Circes e Morganas, un espectáculo que combina música, poesía e audiovisual coa presenza de creadoras como Ana Romaní, Xiana Arias, Fillas de Cassandra, The Vacas ou Caamaño & Ameixeiras.
  • Vigo: Baixo o lema Vigo en galego, a Porta do Sol (ou o Marco en caso de choiva) albergará dende as 12:00 horas unha lectura de textos da autora, o Bando das Letras Galegas lido polo director da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional, regueifas e actuacións musicais.
  • Lugo: O sábado ás 12:00 horas, o salón de actos da Biblioteca Pública de Lugo ofrece a peza teatral infantil A gran viaxe das Letras Galegas, pola compañía A Xanela de Maxín.
  • Mazaricos: O auditorio da Casa da Cultura da Picota acolle o domingo ás 17:00 horas o espectáculo musical e narrativo A meniña gaiteira, de Servando Barreiro, centrado en Rosalía de Castro.

Doutra banda, no ámbito musical, o auditorio municipal de Vimianzo recibe o domingo ás 19:30 horas a Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre (entradas dende 19,80 euros), nun concerto conectado co legado e o compromiso da memoria popular que protagonizou o Día das Letras o ano pasado.

Festas da Ascensión en Santiago e citas gastronómicas

Santiago de Compostela compaxina as Letras Galegas coas súas Festas da Ascensión, en marcha dende o pasado martes 12. A Alameda mantén as súas atraccións e a noria ata o 25 de maio, mentres que o recinto de Amio acolle exhibicións ecuestres.

A música en directo ten citas destacadas de balde na praza da Quintana co Composfest, onde actúan as voces emerxentes de Saya, o trío de hip hop Lumedoloop e 9Louro, ademais de orquestras e a Romaría das Flores no parque de Belvís o sábado e domingo.

A gastronomía ten tres paradas fundamentais este domingo:

  • A Estrada: Celébranse os actos centrais da LII Festa do Salmón coa degustación popular ás 13:00 horas na praza da Constitución. O sábado previo contará con Cantos de Taberna ao mediodía, o Festival folclórico do salmón (19:30 h) e o concerto de Mondra (22:00 h).
  • Pazos de Borbén: Nespereira cumpre dúas décadas coa Festa do Ovo, que serve pratos coma ovos fritos, tortillas ou empanadas dende as 11:00 horas, precedidos pola Andaina do Ovo ás 10:00.
  • Belesar (Chantada / O Saviñao): A Feira do viño e as cerezas chega á súa vixésima edición nas ribeiras do Miño. Inaugúrase o sábado ás 13:00 horas e continúa o domingo dende as 10:00 con postos de produtores, pulpo e churrasco.

Tradición, títeres e grandes concertos

A Romaría etnográfica Raigame regresa este domingo a Vilanova dos Infantes durante todo o día. Case un centenar de artesáns amosarán os seus oficios en talleres ao carón de xogos tradicionais, espectáculos de títeres, música, baile e unha oferta gastronómica con pulpo, empanada e filloas.

En Redondela, o Festival Internacional de Títeres Memorial Juanjo Amoedo encara as súas xornadas finais. O sábado e o domingo as rúas, os soportales da Casa do Concello, a Casa da Torre e a Alameda encheranse de funcións gratuítas, xunto ao Mercadiño Titiriteiro e as exposicións Os Monicreques de Kukas e Voces de Gaza.

En Boqueixón, a parroquia de Oural celebra os 50 anos da súa festa agrícola. O sábado haberá actos relixiosos e o domingo ás 12:00 horas terá lugar a Mostra e desfile de carrozas tradicionais tiradas por tractores ou animais, que contará co pregón da actriz María Mera e degustación de viños locais.

No apartado musical de grandes xiras, A Coruña recibe a dante con dous aniversarios:

  • Dani Martín celebra 25 anos de traxectoria con dous concertos no Coliseum (venres e sábado ás 21:00 horas) coas entradas xa esgotadas.
  • Marta Sánchez repasa os seus 40 anos de carreira pop o sábado ás 20:00 horas no Palacio da Ópera, con entradas dende 49,50 euros.

Pola súa banda, Vigo conta co rock alternativo de Ona Mafalda o sábado ás 21:30 horas na sala La Pecera (12 euros) e co concerto de Xosé Manuel Budiño presentará o venres ás 20:30 no Teatro Afundación o seu traballo Blanca Vela (dende 17,60 euros). En Viveiro, a Conservera de Celeiro programa o venres a Boyanka Kostova (13,20 euros) e o sábado a Grande Amore e Tona dentro do ciclo O Son dos Arrieiros (19,80 euros), pechando o domingo cunha folidada ás 13:00 horas.

Citas deportivas e axenda de verbenas

O deporte de alto nivel inclúe o final de Equigal en Lugo (Pazo de Feiras e Congresos) co Concurso Hípico Nacional de Salto de Obstáculos de venres a domingo, e a Copa de España de Barco Dragón en Castrelo de Miño, que reunirá máis de 100 embarcacións no Parque Náutico de Galicia o sábado e domingo.

En automobilismo celébrase o Rallysprint de Silleda (venres e sábado), en piragüismo arranca a liga provincial en Verducido o sábado (10:00 h) e o atletismo ten a cita de montaña Fuciño do Porco – Caolín no Vicedo o domingo (9:30 h).

A xornada de ligas e playoffs deixa os seguintes partidos destacados para o domingo:

  • Fútbol: Deportivo – Andorra (14:00 h, Riazor), Racing de Ferrol – Osasuna II (17:00 h, A Malata) e Celta Fortuna – Lugo (17:00 h, Barreiro). O sábado xógase o Racing Vilalbés – Compostela (18:30 h, A Magdalena).
  • Baloncesto: O Leyma xoga en casa o seu segundo partido de playoff contra o Menorca no Coliseum (domingo, 20:00 h). O sábado disputaranse o Breogán – Girona (18:00 h) e o COB – Cantabria (18:00 h).
  • Hockey: O Liceo recibe ao Lleida en Riazor o sábado ás 18:00 horas de cara ao playoff polo título.

Para os afeccionados ás verbenas, o calendario de actuacións das principais orquestras galegas distribúese do seguinte xeito:

DíaLocalidadeOrquestra / Agrupación
Venres 15Lourenzá (Nosa Señora da O)Los Satélites
Ourense (Barrio do Couto)Olympus
Vilalba (Virxe do Socorro)Cinema
Sábado 16Poio (Campelo)París de Noia
O Páramo (Paredes)Los Satélites
Salceda de Caselas (Parderrubias)El Combo Dominicano
Lugo (A Piringalla)Cinema
Domingo 17A Estrada (Festa do Salmón)París de Noia
Foz (Romería do Bispo Santo)Los Satélites (con Festicultores)

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS