Galicia prepárase para un fin de semana de intensa actividade cultural, festiva e deportiva. O gran protagonismo de estas xornadas será para o Día das Letras Galegas, que este domingo 17 de maio homenaxea á xornalista e escritora viguesa Begoña Caamaño. Ao redor desta conmemoración, e sumándose a citas gastronómicas e musicais consolidadas, a comunidade ofrece multitude de opcións para gozar do tempo de lecer.
Letras Galegas 2026: Homenaxe a Begoña Caamaño
A Real Academia Galega centra os actos institucionais na honra de Begoña Caamaño co seu pleno extraordinario, que terá lugar o domingo ao mediodía no Teatro Principal de Santiago de Compostela. A institución recoñece así a traxectoria de Caamaño como defensora da información veraz e a súa achega literaria con obras como Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), cuxa carreira narrativa quedou truncada tras o seu falecemento no ano 2014 aos 50 anos.
A programación cultural esténdese por varias localidades galegas con diferentes propostas de balde:
- Santiago de Compostela: A praza de San Martiño Pinario acollerá ás 12:00 horas o concerto A voz das Letras Galegas, a cargo da Banda Municipal de Música de Santiago baixo a dirección de David Fiuza. Xa pola tarde, ás 20:00 horas, a praza da Quintana será o escenario de De Circes e Morganas, un espectáculo que combina música, poesía e audiovisual coa presenza de creadoras como Ana Romaní, Xiana Arias, Fillas de Cassandra, The Vacas ou Caamaño & Ameixeiras.
- Vigo: Baixo o lema Vigo en galego, a Porta do Sol (ou o Marco en caso de choiva) albergará dende as 12:00 horas unha lectura de textos da autora, o Bando das Letras Galegas lido polo director da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional, regueifas e actuacións musicais.
- Lugo: O sábado ás 12:00 horas, o salón de actos da Biblioteca Pública de Lugo ofrece a peza teatral infantil A gran viaxe das Letras Galegas, pola compañía A Xanela de Maxín.
- Mazaricos: O auditorio da Casa da Cultura da Picota acolle o domingo ás 17:00 horas o espectáculo musical e narrativo A meniña gaiteira, de Servando Barreiro, centrado en Rosalía de Castro.
Doutra banda, no ámbito musical, o auditorio municipal de Vimianzo recibe o domingo ás 19:30 horas a Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre (entradas dende 19,80 euros), nun concerto conectado co legado e o compromiso da memoria popular que protagonizou o Día das Letras o ano pasado.
Festas da Ascensión en Santiago e citas gastronómicas
Santiago de Compostela compaxina as Letras Galegas coas súas Festas da Ascensión, en marcha dende o pasado martes 12. A Alameda mantén as súas atraccións e a noria ata o 25 de maio, mentres que o recinto de Amio acolle exhibicións ecuestres.
A música en directo ten citas destacadas de balde na praza da Quintana co Composfest, onde actúan as voces emerxentes de Saya, o trío de hip hop Lumedoloop e 9Louro, ademais de orquestras e a Romaría das Flores no parque de Belvís o sábado e domingo.
A gastronomía ten tres paradas fundamentais este domingo:
- A Estrada: Celébranse os actos centrais da LII Festa do Salmón coa degustación popular ás 13:00 horas na praza da Constitución. O sábado previo contará con Cantos de Taberna ao mediodía, o Festival folclórico do salmón (19:30 h) e o concerto de Mondra (22:00 h).
- Pazos de Borbén: Nespereira cumpre dúas décadas coa Festa do Ovo, que serve pratos coma ovos fritos, tortillas ou empanadas dende as 11:00 horas, precedidos pola Andaina do Ovo ás 10:00.
- Belesar (Chantada / O Saviñao): A Feira do viño e as cerezas chega á súa vixésima edición nas ribeiras do Miño. Inaugúrase o sábado ás 13:00 horas e continúa o domingo dende as 10:00 con postos de produtores, pulpo e churrasco.
Tradición, títeres e grandes concertos
A Romaría etnográfica Raigame regresa este domingo a Vilanova dos Infantes durante todo o día. Case un centenar de artesáns amosarán os seus oficios en talleres ao carón de xogos tradicionais, espectáculos de títeres, música, baile e unha oferta gastronómica con pulpo, empanada e filloas.
En Redondela, o Festival Internacional de Títeres Memorial Juanjo Amoedo encara as súas xornadas finais. O sábado e o domingo as rúas, os soportales da Casa do Concello, a Casa da Torre e a Alameda encheranse de funcións gratuítas, xunto ao Mercadiño Titiriteiro e as exposicións Os Monicreques de Kukas e Voces de Gaza.
En Boqueixón, a parroquia de Oural celebra os 50 anos da súa festa agrícola. O sábado haberá actos relixiosos e o domingo ás 12:00 horas terá lugar a Mostra e desfile de carrozas tradicionais tiradas por tractores ou animais, que contará co pregón da actriz María Mera e degustación de viños locais.
No apartado musical de grandes xiras, A Coruña recibe a dante con dous aniversarios:
- Dani Martín celebra 25 anos de traxectoria con dous concertos no Coliseum (venres e sábado ás 21:00 horas) coas entradas xa esgotadas.
- Marta Sánchez repasa os seus 40 anos de carreira pop o sábado ás 20:00 horas no Palacio da Ópera, con entradas dende 49,50 euros.
Pola súa banda, Vigo conta co rock alternativo de Ona Mafalda o sábado ás 21:30 horas na sala La Pecera (12 euros) e co concerto de Xosé Manuel Budiño presentará o venres ás 20:30 no Teatro Afundación o seu traballo Blanca Vela (dende 17,60 euros). En Viveiro, a Conservera de Celeiro programa o venres a Boyanka Kostova (13,20 euros) e o sábado a Grande Amore e Tona dentro do ciclo O Son dos Arrieiros (19,80 euros), pechando o domingo cunha folidada ás 13:00 horas.
Citas deportivas e axenda de verbenas
O deporte de alto nivel inclúe o final de Equigal en Lugo (Pazo de Feiras e Congresos) co Concurso Hípico Nacional de Salto de Obstáculos de venres a domingo, e a Copa de España de Barco Dragón en Castrelo de Miño, que reunirá máis de 100 embarcacións no Parque Náutico de Galicia o sábado e domingo.
En automobilismo celébrase o Rallysprint de Silleda (venres e sábado), en piragüismo arranca a liga provincial en Verducido o sábado (10:00 h) e o atletismo ten a cita de montaña Fuciño do Porco – Caolín no Vicedo o domingo (9:30 h).
A xornada de ligas e playoffs deixa os seguintes partidos destacados para o domingo:
- Fútbol: Deportivo – Andorra (14:00 h, Riazor), Racing de Ferrol – Osasuna II (17:00 h, A Malata) e Celta Fortuna – Lugo (17:00 h, Barreiro). O sábado xógase o Racing Vilalbés – Compostela (18:30 h, A Magdalena).
- Baloncesto: O Leyma xoga en casa o seu segundo partido de playoff contra o Menorca no Coliseum (domingo, 20:00 h). O sábado disputaranse o Breogán – Girona (18:00 h) e o COB – Cantabria (18:00 h).
- Hockey: O Liceo recibe ao Lleida en Riazor o sábado ás 18:00 horas de cara ao playoff polo título.
Para os afeccionados ás verbenas, o calendario de actuacións das principais orquestras galegas distribúese do seguinte xeito:
| Día | Localidade | Orquestra / Agrupación |
|---|---|---|
| Venres 15 | Lourenzá (Nosa Señora da O) | Los Satélites |
| Ourense (Barrio do Couto) | Olympus | |
| Vilalba (Virxe do Socorro) | Cinema | |
| Sábado 16 | Poio (Campelo) | París de Noia |
| O Páramo (Paredes) | Los Satélites | |
| Salceda de Caselas (Parderrubias) | El Combo Dominicano | |
| Lugo (A Piringalla) | Cinema | |
| Domingo 17 | A Estrada (Festa do Salmón) | París de Noia |
| Foz (Romería do Bispo Santo) | Los Satélites (con Festicultores) |

