HomeNewsActualidadePonteareas celebra esta fin de semana as finais de teatro e DJ...

Ponteareas celebra esta fin de semana as finais de teatro e DJ do programa Talento Xove

O Concello de Ponteareas continúa avanzando na terceira edición de Talento Xove coa celebración esta fin de semana de dúas novas finais correspondentes ás modalidades de teatro e DJ, organizadas pola Concellería de Xuventude.

A programación desta intensa fin de semana de Talento Xove comezará xa este venres coa semifinal da modalidade DJ, que se celebrará ás 18:00 horas na Discoteca Lux. Nesta cita decidiranse os finalistas que accederán á gran final do sábado, nunha xornada na que os participantes demostrarán a súa creatividade e habilidades musicais diante do público.

O sábado, o Auditorio Reveriano Soutullo acollerá desde as 17:00 horas a final da modalidade de teatro, na que se representarán tres obras finalistas. A primeira actuación dará comezo ás 17:00 horas, a segunda ás 18:00 horas e a terceira ás 20:00 horas. Ao remate da xornada repartiranse tres premios principais, ademais de dous recoñecementos especiais ao mellor intérprete masculino e á mellor intérprete feminina.

A programación continuará tamén o sábado coa final da modalidade DJ, que terá lugar ás 19:00 horas no aparcamento Sarmiento Rivera, como antesala do festival Bailotea. Os finalistas subirán ao escenario para demostrar o seu talento e capacidade musical diante do público asistente.

Unha vez rematada a competición, dará comezo o festival Bailotea, que contará coa participación de Dasoul, Jose de las Heras, Dumore, Muiños, Olalla Gonzálezz e Yardel. Durante o desenvolvemento do evento anunciaranse os gañadores da final DJ e realizarase a correspondente entrega de premios.

O concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, destacou que “Talento Xove segue consolidándose como un espazo real de oportunidades para a mocidade, permitindo que poidan mostrar o seu talento en disciplinas moi diferentes e diante do público”. Montes puxo tamén en valor “a implicación e o enorme nivel que están a demostrar os participantes ao longo desta edición”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliñou “o orgullo que supón ver como a mocidade responde de maneira tan positiva a iniciativas culturais e creativas como Talento Xove”. A rexedora destacou ademais “o compromiso do Concello por seguir impulsando programas que dean visibilidade ao talento emerxente e convertan Ponteareas nun referente para a mocidade”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS